Biden eleva a 102,5% os aranceis aos vehículos eléctricos chineses tras a presión de Trump

Guerra comercial no medio do proceso electoral de novembro nos Estados Unidos.
Joe Biden, líder dos EUA. (Foto: Bonnie Cash / Europa Press / Contacto Pool vía CNP)
photo_camera Joe Biden, presidente dos EUA. (Foto: Bonnie Cash / Europa Press / Contacto Pool vía CNP)

Após criticar o ex presidente e candidato republicano Donald Trump que baixo o mandato de Joe Biden, ao tempo candidato demócrata, os Estados Unidos están a quedar aínda máis atrás en relación á China, no marco das eleccións presidenciais de novembro, o actual mandatario anunciou a terza feira unha batería de medidas para limitar o ingreso de produtos chineses ao mercado estadounidense e resgardar sectores descritos pola Casa Branca como “vitais” para a “seguridade nacional dos 
Estados Unidos”.

Unha das principais e o incremento dos aranceis aos seus vehículos eléctricos, que pasarán de 27,5% a 102,5% nunha revisión baseada nun apartado da lexislación comercial que avala as represalias gobernamentais contra prácticas comerciais que considera inxustas ou que violan os estándares globais.

No contexto dos límites fixados para a substitución dos vehículos a combustión por eléctricos, a principal produtora do mundo é a chinesa BYD, que vende coches eléctricos por pouco máis de 11.000 euros.

A Alianza para a Fabricación Estadounidense advertiu que a súa entrada en masa no país sería un “evento a nivel de extinción” para os seus fabricantes, e Elon Musk, director executivo da segunda compañía do sector, Tesla, admitiu que son tan bos que sen barreiras comerciais “practicamente demolerían a maioría das demais empresas automotrices do mundo”.

Entre o resto de medidas que entrarán en vigor neste exercicio, Washington tamén subirá até 50% as taxas para as importacións de paneis solares e 25% para algúns produtos de aceiro e aluminio. Tamén ascenderá a 25% o arancel para as baterías de litio orientadas a coches e de 0% a 25% o de varios minerais críticos. Xa en 2025 fixarase en 50% o dos chips para ordenador.

Aínda que os aranceis están limitados a case 17.000 millóns de euros en produtos e buscan impulsar estes sectores nos Estados Unidos, Paul Triolo, investigador da asesoría Albright Stonegridge, alerta que o verdadeiro impacto para a súa economía podería proceder dos dereitos de aduana nas baterías e outros elementos da cadea de subministración que a China domina. Só nas baterías para vehículos eléctricos controla 80% do mercado mundial.

O voceiro do Ministerio de Relacións Exteriores chinés, Wang Wenbin, cuestionou o aumento “unilateral” das taxas “en violación das normas da Organización Mundial de Comercio”, subliñando que o país “tomará todas as medidas necesarias para salvagardar os seus dereitos e intereses lexítimos”.

Comentarios