María Jesús Lago, Carlos Pajares e o Concello de Carballo reciben os Premios Lois Peña Novo

A gala decorreu no Patio de Armas do Castelo de Soutomaior.
Gala de entrega dos Premios Lois Peña Novo, esta quinta feira, en Soutomaior. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Gala de entrega dos Premios Lois Peña Novo, esta quinta feira, en Soutomaior. (Foto: Nós Diario)

A Fundación Lois Peña Novo fixo entrega na tarde desta quinta feira dos premios que levan o nome deste destacado político e escritor nunha gala, a número 28, que decorreu no Patio de Armas do Castelo de Soutomaior (comarca de Vigo). Os galardóns recoñecen cada ano o traballo en defensa da lingua galega nas administracións públicas, as institucións e a sociedade en xeral.

Nesta nova edición os premios recaeron no Concello de Carballo, o catedrático da Universidade de Santiago de Compostela Carlos Pajares e mais a xefa de servizo de Traballo Social da EOXI de Vigo, María Jesús Lago.

O primeiro deles, o do consistorio carballés foi motivado "polo desenvolvemento dunha política lingüística dirixida ao fomento do uso do galego nun concello cunha poboación de máis de 30.000 habitantes no que existe unha porcentaxe nada desprezábel de inmigrantes fomentando, deste xeito, a cohesión lingüística na cidadanía". O seu alcalde, Evencio Ferrero, recolleu a distinción.

No caso de María Jesús Lago, a organización salientou o seu "compromiso coa contorna e realidade da súa comunidade", como "pioneira e defensora do uso do galego no ámbito sanitario como unha forma de achegarse á cidadanía respectando os valores identitarios do país".

 

E no caso do doutor en Física e catedrático da USC Carlos Pajares, xustificaron o premio argumentando que foi "o primeiro reitor democrático" da universidade da capital galega, e que "introduciu cambios substanciais como o fomento do uso do galego no eido universitario".

Comentarios