'Vaca Gallega-Buey Gallego': a Xunta prescinde do galego para a IXP por "falta de arraigamento" da marca

O DOG recolleu a pasada sexta feira unha orde da Consellaría do Medio Rural concretando a mudanza.
Novo logotipo, en castelán, da IXP sobre exemplares de Tenreira Galega Suprema.
photo_camera Novo logotipo, en castelán, da IXP sobre exemplares de Tenreira Galega Suprema.

O boi galego e a vaca galega son, desde a pasada sexta feira, 'buey y vaca gallegos'. O Diario Oficial da Galiza recolleu ese día unha orde asinada o pasado 12 de xuño pola nova conselleira do Medio Rural, María José Gómez, coa que se modificaba a resolución previa, de 2017, que regula as indicacións xeográficas protexidas 'Ternera Gallega' e 'Vaca e Boi de Galicia/Vaca y Buey de Galicia'. Unha denominación, a primeira, xa en castelán e a segunda na que aparecían os dous idiomas oficiais na Galiza.

Mais, alegando a "falta de arraigamento" entre a cidadanía da marca bilingüe 'Vaca e Boi de Galicia/Vaca y Buey de Galicia' e as "dificultades técnicas" no proceso de tramitación ante a Comisión Europea do rexistro da nova indicación xeográfica, a Consellaría avogou por renomeala. E, para facelo, decidiu botar man unicamente da denominación en castelán, que é obxecto da orde publicada no DOG na sexta feira.

Texto recollido no DOG.
Texto recollido no DOG.

"O título, a parte expositiva e o artigo 1 da Orde do 23 de xuño de 2017 pola que se aproba o Regulamento das indicacións xeográficas protexidas Ternera Gallega e Vaca e Boi de Galicia/Vaca y Buey de Galicia e do seu consello regulador común e se nomea o consello regulador provisorio, quedan modificados no sentido de substituír as expresións 'Vaca e Boi de Galicia/Vaca y Buey de Galicia' e 'Vaca e Boi de Galicia' por 'Vaca Gallega-Buey Gallego'", recolle o DOG.

Vaca_Bueyg_fmt

Na mesma resolución tamén se recolle o que será o novo logotipo que identifique as carnes amparadas polo paraugas 'Vaca Gallega-Buey Gallego', tamén en castelán, como xa acontecía coa IXP 'Ternera Gallega'. Segundo os datos facilitados a Nós Diario pola Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Vaca Galega-Boi Galego, creada en 2017,  hai rexistradas nesta indicación protexida 1.230 explotacións con 253 bois. En 2022, último ano con datos, certificáronse 34 toneladas de carne de boi, o 10% da produción desta IXP, cun volume de negocio de 1,2 millóns.

En 2022, a IXP logrou da Unión Europea un selo de calidade para os produtos que ampara e actualmente contabiliza máis de 200 gandeiras e gandeiros que están cebando bois na Galiza, unha crianza para a que non existen axudas públicas.

Comentarios