O humor de Federico Pérez, a oposición social á celulosa de Altri e a arquitectura de Paula Alfonso protagonizan o ‘Sermos Galiza’

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza este sábado, 29 de xuño, acompañando o xornal 'Nós Diario'. 64 páxinas por só 3,20 euros!

Detalles do 'Sermos Galiza' deste sábado.
photo_camera Detalles do 'Sermos Galiza' deste sábado.

Como é habitual, este sábado, 29 de xuño, Nós Diario trae entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante toda a fin de semana. Desta volta o protagonista é o actor Federico Pérez, entrevistado polo xornalista Xan Carballa. O actor está no alto da popularidade de comediante de éxito con +Cuñados, filme que encheu salas de todo o país.  

Nunha conversa chea de humor e reflexión a partes iguais, Federico Pérez debulla con Carballa fitos da súa traxectoria profesional como un dos autores máis queridos do audiovisual galego. Desde os seus inicios como asesor lingüístico na inesquecíbel Mareas Vivas, até a rodaxe de +Cuñados con Touriñán e Morris, incluíndo o seu paso por Air Galicia.

Altri, unha “bomba ambiental”

Nas primeiras páxinas do semanario poderase atopar unha fotorreportaxe que relata a oposición veciñal ao proxecto de macrocelulosa que a multinacional lusa Altri proxecta en Palas de Rei (A Ulloa).

A través das fotografías de Pedro Armestre, integrante de Greenpeace, poderemos coñecer as caras das veciñas e veciños que pelexan na primeira liña da batalla contra o que consideran “unha bomba ambiental” e unha ameaza contra o modo de vida de toda unha comarca.

A arquitectura, pensada desde o local

“Cando temos una pequena doenza acudimos ao médico de familia. Os profesionais de proximidade son aqueles cos que se consultan os problemas do día a día. Dun xeito semellante síntese ás veces a arquitecta Paula Alfonso”, explica Iago Valverde na súa reportaxe Paula Alfonso. Proximidade. Un titular que sintetiza a esencia do estudio de arquitectura de Alfonso.

Unha proximidade que se reflicte non só en solucionar os problemas arquitectónicos que lle poidan xurdir á veciñanza de Cambados (O Salnés), onde se localiza o estudio, senón tamén en utilizar materiais locais. “O sector da construción é responsábel dunha parte moi importante da contaminación da atmosfera. Hai que conseguir que os edificios sexan máis lixeiros, e mesmo que se poidan desmontar. A madeira é o único camiño. Non podemos seguir construíndo así", comenta a arquitecta en conversa con Valverde.

Literatura, música, cinema... e máis!

Neste número do Sermos Galiza, Tensi Xesteira e Inma Otero Varela achégannos as novidades no sector literario, a comezar por A boca da sombra (Aira, 2024), de Emma Pedreira; e A outra patria (Medulia, 2024), de Simón Rodríguez.

No apartado musical, Fernando Montenegro analiza o disco de Yago Vázquez, Pablo Menares e Rodrigo Recabarren titulado Familia. A sección achegamos tamén outras novidades e recentes estreas do panorama musical galego. Aliás, David Regueiro dedica unha reportaxe festival +QJazz da Coruña, que ofrece cada ano no mes de xullo unha programación de calidade tanto de artistas internacionais como nacionais e locais.

O experto en cinema Andrés Castro debulla o filme Memory (Michel Franco, México-EUA), así como outros títulos de estrea e clásicos da gran pantalla. E o colectivo Xea lévanos desta volta de camiñada para coñecer a banda norte da ría de Ferrol. Aliás, Anxo Fole achéganos un menú fresco para deleitarnos coa chegada do verán.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza esta sexta feira, 29 de marzo, acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!

Comentarios