A UPG celebra 60 anos coa soberanía como "razón de ser" da súa alternativa política

O Edificio Fontán da Cidade da Cultura en Compostela acollerá o domingo 7 de xullo o XVI congreso da Unión do Povo Galego (UPG), baixo o lema '60 anos de loita pola soberanía da Galiza e o socialismo'. Precisamente o partido celebra o seu 60 aniversario.

2020-02-16-10.54.42-XV-CONGRESO-UPG-Diafragma-4_Distancia-focal-10_Velocidade1-50S_Iso-4000-9-JPEG-Máx.-tamaño-a-máIs-alta-calidade-1030x687-1030x687
photo_camera Sesión plenaria do XV congreso da UPG desenvolvido en 2020 en Compostela. (Foto: Fundación Terra e Tempo).

O 25 de xullo de 1964 formalizábase na capital da Galiza a constitución da Unión do Povo Galego como organización nacionalista e antiimperialista que se marcaba como obxectivo fundamental a loita pola autodeterminación da Galiza. 60 anos despois, a UPG -partido integrado no BNG desde a súa fundación- continúa a considerar como chave a loita pola soberanía nacional, recollendo nas súas teses a debate neste congreso que “remarca a vixencia do proxecto antiimperialista e emancipatorio que representa a concepción comunista e patriótica que define o programa político” da UPG.

O secretario xeral da UPG e deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, sinala a Nós Diario que “a defensa da soberanía é a razón de ser da UPG e do nacionalismo galego. Os problemas estruturais do país, derivados da falta de soberanía e da dependencia colonial fan imprescindíbel unha alternativa como a nosa”. Neste punto, considera que “é máis necesaria que nunca unha posición antiimperialista como a que defende a UPG e o BNG, fronte a unha esquerda europea moi desarmada ideoloxicamente”.

As teses que se someten a debate no proceso congresual da UPG analizan a realidade internacional. A este respecto, Rego apunta que “o novo contexto internacional está marcado pola agresividade do imperialismo, que se resiste a perder a súa hexemonía diante dunha nova orde internacional multipolar  que se abre, impulsada por países que fan da defensa da súa soberanía o eixo das súas políticas”. Destaca que “a nivel internacional a contradición principal sitúase entre a defensa da soberanía nacional e o imperialismo”.

A escalada bélica, con Palestina e o leste de Europa como puntos quentes, o papel da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) e a posición da Unión Europea (UE) nesta nova conxuntura son algunhas das cuestións obxecto de debate. Nesta dirección, a UPG entende que a guerra en Ucraína “só pode ser explicada en parámetros políticos e xeoestratéxicos globais, non sendo Rusia e Ucraína os únicos contendentes. Os Estados Unidos, como potencia en declive, ten neste momento como principal obxectivo trabar o camiño á China e, nesa liña, conseguir que a súa alianza estratéxica con Rusia non vaia a máis é fundamental, dado que arredor deses dous Estados se está a configurar un novo polo internacional”.

A UPG outorga un papel chave á OTAN nesta nova dialéctica. Ao tempo, analiza criticamente o papel da UE e conclúe que “nunca foi ningún contrapeso aos Estados Unidos como defendía parte da socialdemocracia europea. Tampouco un aliado en pé de igualdade. É unha  sucursal. Unha caste de protectorado anglonorteamericano que traballa en moitas ocasións mesmo en contra dos intereses obxectivos da propia UE”. Nesta perspectiva, Rego indica que “a Unión Europea é cada vez máis submisa cos Estados Unidos”.

Eixo Galiza-España

A formación nacionalista destaca a “primacía real do eixo Galiza-España” fronte á “polarización esquerda-dereita” na actual conxuntura estatal. Nesta orientación, nas teses apúntase  que “a radicalización para a dereita exprésase en primeiro lugar en posicións cada vez máis ultraespañolistas" e analízase que non hai “ningún tipo de ruptura no bloque  constitucional". Así, sinálase que naquelas cuestións que son consideradas por ambas as formacións [PSOE e PP] como "políticas de Estado, mantense unha unidade básica”. Nesta derivada, as teses consideran que “na Galiza non é posíbel facer política transformadora sen ser en chave nacional”.

Loita social

A UPG márcase como liña impórtante de traballo para o vindeiro período a loita social e o reforzamento das organizacións sociais do campo nacionalista. A este respecto, aposta polo “fortalecemento dos movementos sociais”,  “especialmente no que ten a ver coa loita sindical, o feminismo ou o ecoloxismo, así como o tecido cultural do país e a defensa da lingua. Aliás, é  necesario aumentar os esforzos para fortalecermos o movemento xuvenil nacionalista”, sinalan as treses a debate.

Comentarios