O BNG insta a Xunta a "dar marcha atrás" e reverter a declaración de proxecto estratéxico para a mina de Touro

"O PP volve pór o lucro dunha empresa por diante dos intereses do país", denuncia a deputada Iria Carreira

MinaTouro
photo_camera DE esquerda a dereita: Xoán Louzao, portavoz municipal do BNG en Touro; Iria Carreira, deputada; e María Abel e Xosé Luis Brocos, edís no Pino (Foto: BNG)

O BNG oponse á declaración por parte a Xunta da Galiza de Proxecto Industrial Estratéxico (PIE) a Cobre San Rafael para a explotación da mina de Touro e O Pino e esixe, de maneira inmediata, que reverta unha decisión “que terá consecuencias medioambientais e económicas lesivas na comarca, mais tamén na ría da Arousa”.

Cunha batería de iniciativas parlamentarias, o grupo do BNG reclama da Xunta que dea marcha atrás, “de maneira inmediata”, á decisión aprobada no Consello da Xunta do pasado 24 de xuño de declarar PIE a mina de Touro, o que axiliza a tramitación “a un megaproxecto mineiro en Touro e o Pino que supón unha nova ameaza medioambiental que se suma á de Altri en Palas de Rei”.

"Declarar o megaproxecto mineiro e Touro e O Pino como Proxecto Industrial Estratéxico é pór o lucro dunha gran empresa por diante do respecto medioambiental, da protección dos sectores produtivos xa existentes e da poboación, e é un duro golpe para unha comarca que ten aínda próxima a oposición social, que rematou coa paralización do proxecto para a mina", sinala a deputada Iria Carreira, unha das promotoras das iniciativas que levarán o debate ao Parlamento.

Para o BNG, o PP está poñendo "alfombra vermella a Cobre San Rafael para facilitar e axilizar unha mina que terá gravísimas consecuencias non só na propia comarca senón na contaminación do río Ulla, os seus afluentes e a ría da Arousa, cun impacto no desenvolvemento económico e a perda de emprego nos sectores afectados".

Carreira denuncia que "o PP dálle as costas, máis unha vez, á xente, á comunidade veciñal e social que se opuxo a este proxecto mineiro e se sinte traicionada pola conivencia da Xunta cunha empresa á que se lle poñen todas as facilidades para sacar beneficio a costa de destruír o o noso patrimonio natural e os nosos recursos económicos".

A decisión da Xunta é, para o BNG, un novo ataque á saúde, á diversidade medioambiental e aos ecosistemas fluviais e mariños afectados pola mina. "As consecuencias son gravísimas, porque se lle reducen os trámites administrativos a un proxecto que só vai ter beneficios para a empresa e prexuízos irreparábeis para a xente da comarca e para o país", sinala Iria Carreira.  

Lembran que na mina de Touro se extraeu cobre até 1986 e, desde aquela, o espazo vén sendo empregado por Explotaciones Gallegas para a obtención de áridos, sen que se acadase neste tempo unha restauración e xestión adecuadas, como veñen poñendo de manifesto sucesivos episodios de contaminación das augas circundantes, que acaban no río Ulla e na ría de Arousa, saldándose con sancións leves.

 No ano 2018 foi impulsado un proxecto, denominado Cobre San Rafael, para retomar a extracción de cobre, mais desatando unha forte oposición, tanto ecoloxista como veciñal. O proxecto recibiu unha declaración de impacto ambiental negativa por parte da Xunta de Galiza a comezos do ano 2020, sen que isto fixese desistir á empresa das súas aspiracións.

"O río Ulla e a ría da Arousa teñen xa uns niveis de contaminación actuais preocupantes, e a ameaza das consecuencias negativas do proxecto de Altri en Palas de Rei ve agora como o PP é o socio colaborador necesario para un novo ataque, que pode traer consecuencias irreparábeis", afirma Iria Carreira que esixe á Xunta que non apoie proxectos lesivos para o territorio.

Comentarios