O Goberno español proxecta introducir o IVE nos pisos turísticos para frear o aumento de oferta ilegal

Tamén insta as cidades a que se sumen á investigación do Executivo para "perseguir" a publicidade destas vivendas

Caixa de seguridade para as chaves dun piso turístico. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Caixa de seguridade para as chaves dun piso turístico. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O ministro de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, Pablo Bustinduy, expuxo introducir o IVE na actividade dos pisos turísticos no Estado e que tributen "como calquera actividade comercial" para frear o aumento da oferta ilegal.

Así o manifestou nunha entrevista no programa 'Espello Público' de Antena 3, na que defendeu que se non se aplica IVE á vivenda vacacional, estase incentivando o seu uso.

"O que temos que facer é incentivar de todas as maneiras posíbeis que se destine a vivenda ao uso principal que ten que ter, que é a que a xente viva nela, mentres construímos máis vivenda pública e alugueiro social", engadiu o ministro.

Segundo o titular de Consumo, 10% do parque inmobiliario nalgunhas cidades do Estado destínase xa ás vivendas de uso turístico, provocando que "suban os prezos, as persoas mozas que non se poden emancipar, as familias que non teñen acceso a un alugueo e se teñan que ir das cidades".

Así, puxo como exemplo á cidade de Madrid, na que denunciou que "até 90% dos pisos turísticos non dispoñen de licenza para iso". Tamén criticou que certas cidades apliquen unha moratoria que "non cumpre coa normativa".

Durante a súa intervención, tamén instou "as cidades " a que se sumen á investigación do Goberno estatal para "perseguir" a publicidade dos pisos turísticos ilegais: "É unha situación descontrolada e inaceptábel".

"Esta situación está a afectar á vida de moitísimas das nosas cidades, facendo que os prezos do aluguer suban unha barbaridade e que a xente teña que abandonar os seus barrios. É unha problemática esencial", criticou Bustinduy.

Nesta liña, resaltou que "o turismo é unha actividade económica moi importante, pero non pode ser á conta de, por exemplo, que se sacrifique ou que se dificulte o dereito á vivenda, o dereito para vivir na túa cidade, a vivir na cidade na que traballas".

Comentarios