O BNG apoia a ‘Flotilla da Liberdade’ e reclama medidas reais para "rematar co xenocidio"

Reitera a necesidade de que os gobernos apliquen sancións diplomáticas, rompan relacións comerciais e prohiban o comercio de armas con Israel.

BNG flotilla

O BNG mantivo no Parlamento un encontro esta sexta feira cunha delegación da Flotilla da Liberdade, que navega no buque Handala desde Noruega por diversos países europeos para levar axuda humanitaria a Gaza e denunciar o xenocidio de Israel en Palestina, á que trasladou todo o seu apoio e á que agradeceu o importante labor que está a desenvolver. 

Nunha comparecencia conxunta logo do encontro, a portavoz parlamentaria de Relacións Exteriores, Iria Taibo, advertiu da necesidade e da urxencia de tomar medidas reais, concretas e efectivas para frear o xenocidio de Israel sobre o pobo palestino, tal e como defende o BNG en todas as institucións e na rúa, consciente ademais de que o que está acontecendo en Palestina “non comezou no mes de outubro de 2023”, senón que é froito de 70 anos de ocupación.  

Neste sentido, recordou a iniciativa que o BNG defendeu hai xa unhas semanas na Cámara galega e na que precisamente reiteraba “a importancia de romper relacións comerciais con Israel, a importancia de prohibir o comercio de armas con Israel e a importancia do bloqueo diplomático”, incluíndo a aplicación de sancións diplomáticas.   

“Mentres as nosas sociedades, os nosos gobernos non dean eses pasos, non se vai corrixir esta situación: o xenocidio que está a cometer Israel contra o pobo palestino”, incidiu, para subliñar a continuación a gravidade do que está acontecendo en Gaza.

“As nosas sociedades non poden ficar caladas neste momento histórico e, por iso, apoiamos especialmente a viaxe que está a facer o buque Handala e toda a Flotilla da Liberdade”, concluíu a deputada nacionalista.

Ademais de Taibo, no encontro participaron a tamén deputada e vicepresidenta segunda da Mesa do Parlamento, Montserrat Prado, o membro do Consello Nacional, Bieito Lobeira, así outros deputados e deputadas, entre os que se atopaban Daniel Pérez e Carmela González.

En representación da flotilla acudiron, entre outros e outras, Fillipe Lopes, representante para os medios da coalición da Flotilla da Liberdade, e Ánxela Gippini, membro do Comité Galego de Benvida á Flotilla da Liberdade e da Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina.

Comentarios