Mostra de Teatro de Cangas

‘Helen Keller. A muller marabilla?’, teatro para o público esquecido

Hoxe reciben o premio Xiria áo Labor Teatral polo seu espectáculo ‘Helen Keller. A muller marabilla?’. Son seguramente a compañía de teatro máis coñecida na Galiza e os seus proxectos acostuman a cuestionar as narrativas oficiais. Coa obra premiada, Chévere buscar chegar a máis xente. Quere facer algo para o público eternamente esquecido nos patios de butacas: a xente xorda, cega e xordocega. Patricia de Lorenzo, Chusa Pérez de Vallejo e Ángela Ibáñez suben ao escenario para contar a historia de Helen Keller. Nacida en Tuscumbia (Alabama), convértese nunha celebridade mundial ao ser, segundo as fontes oficiais, a primeira persoa xordocega en obter un título universitario en 1904 en Harvard. 

Xesús Ron. (Foto: Leticia T. Blanco)
photo_camera Xesús Ron. (Foto: Leticia T. Blanco)


A organización da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas outórgalle este premio a un “excepcional traballo de inclusión, no ámbito profesional teatral galego e estatal, que é accesible para persoas con discapacidade auditiva, visual ou xordocegueira e, tamén, cuestiona a incomunicación entre estas persoas e as "sen discapacidades".
Falamos con Xron, encargado da dramaturxia e dirección do proxecto. 

Que significa para Chévere este premio? 

Para nós é un gran motivo de satisfacción porque é un traballo no que arriscamos moito. Exploramos territorios descoñecidos para incorporar a lingua de signos dentro da nosa obra como material artístico. Entrar en contacto con novos recursos e solucións, co tratamento do silencio, pode resultar un tanto incómodo. Para nós este premio é un respaldo e unha mostra de sensibilidade. Axúdanos a non sentirnos sós neste esforzo. Porque a idea que queremos transmitir vai máis alá do feito puntual do espectáculo. É unha reflexión sobre a necesidade de que as artes escénicas sexan máis inclusivas e accesibles. No teatro galego, este tipo de espectáculos están fóra da senda e agardamos que con este recoñecemento que nos dá a Mostra consigamos que estea dentro das preocupacións sociais e artísticas.

De onde lles vén esta preocupación pola inclusión social? 

Era unha preocupación que viñamos mantendo desde hai algún tempo. Xa cando eramos compañía residente en Teo tiñamos unha orquestra de improvisación co persoas con discapacidade. Interesábanos acercarnos a estes colectivos. Coa obra Eroski Paraíso fixemos un intento puntual, con algunha colaboración coa ONCE na Coruña con días concretos de función accesibles. Daquela era só de cara á comunidade xorda con textos subtitulados.  Despois, por certos azares da vida, a actriz Chusa Pérez de Vallejo achégase a nós e nos pregunta se nos interesaría emprendernos na aventura de Hellen Keller. Tamén foi fundamental que a actriz Ángela Ibáñez aceptara. 

 

Como foi o proceso? 

Todo o equipo aprendemos moito durante un ano. Grazas as Chusa e a Ángela metémonos moi de cheo neste mundo. Fomos descubrindo con elas moitas cousas, como a ineficacia do subtitulado para a maior parte das persoas xordocegas. Con elas valoramos que a lingua de signos é para moita xente a lingua nativa. Como compañía, quixemos aproveitar estes os novos recursos afrontando a lingua de signos para usala como ferramenta de creación, non só de accesibilidade. 

Canto tempo lles levou preparar esta obra? 

Máis ou menos dedicamos o mesmo tempo a todos os espectáculos. Dedicamos arredor de dous anos a cada proxecto. Este proxecto en concreto puxémolo en marcha coa investigación inicial sobre a figura de Hellen Keller. Queriamos ver o interese que tiña para despois levala a escena. E despois, cando xa tiñamos decido o equipo, estudamos lingua de signos durante un ano, ao tempo que estabamos co proceso de documentación. Aínda que non puidemos viaxar aos Estados Unidos para documentarnos sobre a súa figura, tivemos a fortuna de poder usar fondos documentais dixitalizados como os da Escola Perkins para cegos de Boston ou a Fundación Americana para Cegos. No proceso, falamos con persoas xordas, cegas e xordocegas, incluso viñeron ver algúns ensaios e pases antes da estrea.

Como foron os ensaios?

Estivemos algo máis de dous meses ensaiando, dividindo o traballo en varias fases porque non podiamos abarcalo todo xunto. Houbo un encontro inicial das tres actrices, outro para probar materiais,... Entre medias, o equipo de dirección organiza o material de investigación e fanse os primeiros ensaios. De aí pasamos á escaleta e a ver temas como o tratamento do espazo, a roupa,... E, finalmente, cinco semanas de ensaio con todo o equipo. Neste proxecto tiñamos unha dificultade engadida, sobre todo para Patricia e para Chusa, que tiñan que ver como xestionar un texto que non é escrito, senón que hai que signar. Houbo un traballo de adaptación moi grande. Foron esforzos e dificultades que o público non percibe, pero o mérito é enorme. 

 

Xa levan feitas varias funcións. Como está sendo a resposta do público? 

Nós, en xeral, estamos moi satisfeitos coa súa resposta, tendo en conta que se trata dun espectáculo estraño no que o 99 por cento da xente é oínte. Hai persoas que se implican desde o principio e saen da sala cunha certa revelación doutro mundo, doutra linguaxe, doutra cultura. E tamén hai público oínte que non dá entrado na obra porque se sinte incómodo cos silencios. Non temos ese hábito adquirido. 

E o público xordo e cego?

Ese é o gran descubrimento. O contacto co público xordo e cego é marabilloso. Aínda que é minoritario, é moi importante e necesario crear novos públicos Eran persoas que estaban expulsadas do teatro galego e agora entran cun entusiasmo e cunha xenerosidade enorme. Xa era hora de atender a ese público que normalmente non pode ir ao teatro. E aínda que a nosa obra é teatro documental, cunha narrativa complexa, esas persoas transmiten un agradecemento e entrega absoluta. En sitios como Madrid este público xordo ten máis oportunidades, pero normalmente é teatro máis convencional. O feito de que de repente poidan ver unha obra de teatro documental encántalles. Estannos dando moitísima enerxía. 

Despois desta experiencia, vai Chévere continuar abordando a inclusión nos seus proxectos? 

Evidentemente temos un compromiso cun público que é minoritario, pero que responde moi ben. Hai cousa dun mes interpretamos a obra As fillas bravas e o mito de Casandra en Chantada. E fixemos o traballo de adaptala toda á lingua de signos nun tempo récord. Sobre o escenario había dúas intérpretes que durante a obra interaccionaban coas actrices. Foi todo moi rápido e non lle dedicamos todo o tempo que necesitabamos, pero funcionou moi ben. Despois de experiencias como estas o público comenta o potente que é estar nun teatro e ver que hai grupos de persoas xordas. O teatro pode ser como unha sociedade á escala, tolerante, diverso, con público xordo, cego e oíntes nunha mesma sala. 

 

Cal é a relación de Chévere coa Mostra de Cangas? 

Despois de tanto tempo indo a Cangas para nós é como un refuxio. Como volver á casa. Facer teatro é algo marabilloso, pero ten momentos duros de incerteza. Actuar na Mostra de Cangas é facelo nun sitio onde estás coidado. Ao final estes festivais para son para o teatro galego como un bosque. Unha reserva de árbores que crean o osíxeno que respiramos todos: público, actores, actrices e toda vila. Este osíxeno é cada vez mais importante para crear un ecosistema saudable, porque estamos asfixiándonos por como vai o mundo.

A quen lle dedican este premio? 

A todo o público xordo e cego que está vindo a ver a nosa obra en Galicia. E tamén á axuda enorme dos profesores de lingua de signos que tivemos, ás persoas mediadoras que traballan con xente xordocega, e a Ramón Costoya Lens, que foi o noso profesor de conversación de Lingua de Signos durante meses e que nos transmitíu como é a realidade dunha persoa xorda. E tamén ás tres actrices. Fan un traballo extraordinario. 
 

Máis en CULTURA
Comentarios