A ultradereita vence nas lexislativas de Francia ante o afundimento de Macron

A Nova Fronte Popular resiste e fica en segunda posición na primeira volta dos comicios, segundo as sondaxes a pé de urna.
Jean-Luc Mélénchon, Emmanuel Macron e Marine Le Pen votando este domingo.
photo_camera Jean-Luc Mélenchon, Emmanuel Macron e Marine Le Pen votando este domingo.

As sondaxes 'a pé de urna' confirman un feito inédito na historia recente de Francia: a extrema dereita vence nunhas eleccións lexislativas. A Agrupación Nacional de Marine Le Pen, da man do seu candidato nestes comicios, Jordan Bardella, sitúase como primeira forza na Asemblea Nacional con arredor de 34% dos votos, uns 13 puntos máis que o bloque presidencial de Emmanuel Macron, relegado á terceira posición con entre 90 e 120 deputados e deputadas, menos da metade dos que ten actualmente —245—. A formación ultra, pola súa parte, conseguiría entre 260 e 310 escanos —a maioría absoluta está en 289—.

A unión de socialistas, comunistas, ecoloxistas e outras formacións de esquerda na Nova Fronte Popular francesa é segunda con perto de 29% dos apoios e de 115 a 145 actas na Asemblea Nacional. Os seus principais dirixentes, Jean-Luc Mélenchon (A Francia Insubmisa) e Olivier Faure (Partido Socialista), xa avanzaron que retirarán as súas candidaturas na segunda volta das lexislativas en todas as circunscricións nas que haxa risco dunha vitoria ultradereitista. O líder do histórico Partido Comunista Francés, Fabien Roussel, foi eliminado na súa circunscrición nesta primeira volta ao obter o seu rival da Agrupación Nacional, Guillaume Florquin, máis de 50% dos votos.

Para Mélenchon, estes resultados supoñen unha derrota "dura e indiscutíbel" do presidente Macron. "Pensou que estaba unha vez máis encerrando o sufraxio universal nunha elección asfixiante que xa ninguén cre: ou el ou a Agrupación Nacional. Mais a masiva participación desbaratou a trampa tendida ao país. Esta votación inflixiu unha dura e indiscuíbel derrota ao presidente", dixo. A participación, de feito, aumentou en case 20 puntos a respecto dos comicios de 2022.

O propio Macron pediu após coñecer as primeiras proxeccións "unha gran concentración claramente democrática e republicana" contra o partido de Le Pen. A elevada participación, afirmou, é "unha mostra do desexo de aclarar a situación política". "Fronte á Agrupación Nacional, chegou o momento dunha grande unión, claramente demócrata e republicana, para a segunda volta", insistiu.

Consciente disto, a ultradereitista Le Pen pediu o voto para a súa formación a vindeira semana. "Necesitamos unha maioría absoluta. Unha participación tan elevada dá unha forza particular ao voto. Hai que pór en marcha a recuperación de Francia. Pídolles que se unan á coalición de liberdade, seguridade e fraternidade. Mobilízate para que gañe o pobo", salientou, entre os aplausos dos seus simpatizantes.

Os Republicanos (sen Ciotti), en terra de ninguén

Á Agrupación Nacional sumouse o apoio do presidente da dereita conservadora tradicional (Os Republicanos), Éric Ciotti, e mais os seus seguidores 'disidentes', se ben a formación concorreu en solitario e foi especialmente crítica con Ciotti por pactar con Le Pen. Os Republicanos fanse con arredor de 10% dos votos nesta primeira volta.

E de cara á segunda, aseguran que a ultradereita "non é a solución" ao tempo que chaman a combater "a extrema esquerda", en alusión á Nova Fronte Popular, e tampouco apoian Macron. "A próxima semana é crucial. Convidamos solemnemente a todos aqueles que se negan a ser reféns dunha elección obrigada a dar o seu voto aos candidatos dos Republicanos presentes na segunda volta. Onde non esteamos presentes, considerando que os electores son libres na súa elección, non damos instrucións nacionais e deixamos que os franceses se expresen en conciencia", manifestaron, a través dun comunicado.

Comentarios