Santiago homenaxea o escultor Asorei no aniversario da súa morte

Este recoñecemento, organizado polo Concello de Santiago e a Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA), súmase ao programa de eventos que se están a celebrar este ano en lembranza do escultor cambadés.
Foto de familia dos asistentes ao acto.
photo_camera Foto de familia dos asistentes ao acto.

O Panteón das Galegas e dos Galegos Ilustres acolleu na mañá desta terza, 2 de xullo, un acto de homenaxe ao escultor Francisco Asorei, artista referente na renovación da arte galega no século XX. Este recoñecemento, organizado polo Concello de Santiago e a Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA), súmase ao programa de eventos que se están a celebrar este ano en lembranza do escultor cambadés que desenvolveu a maior parte da súa carreira en Compostela.

Ademais da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, no acto tamén participaron Manuel Quintana Martelo, presidente da Real Academia Galega de Belas Artes; Mª del Carmen Asorei, neta de Francisco Asorei; José Luís González, concelleiro de Cultura de Cambados; Natividad González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, e Pedro Blanco, delegado do Goberno na Galiza. Tamén asistiron varios membros da Corporación municipal.

Na súa intervención, Goretti Sanmartín salientou dúas características da obra do escultor cambadés: "a representación da figura das mulleres -coa que concebiu "algunas das obras icónicas da nosa cultura" como O tesouro, A naiciña, A filliña e A Santa- que trascende "a imaxe feminina e se transmuta nunha imaxe simbólica de Galiza"; e as referencias á tradición escultórica en que introduce elementos da vida do común".

A alcaldesa lembrou que Compostela "tivo unha importancia capital na vida e na traxectoria do escultor", xa que o seu obradoiro na Caramoniña, ademáis de berce das súas obras, pasou a converterse en "escola á que chegaban novos artistas ansiosos de aprenderen de quen lles imprimiu ás súas obras o espírito galeguista da xeración Nós".

Sanmartín congratulouse da presenza de varias da súas obras en Santiago, citando algunhas como o célebre monumento a San Francisco de Asís, o capitel e escudo do Hotel Compostela na praza de Galiza, ou o códeo compostelán no Seminario de Estudos Galegos.

Francisco Asorei

Nacido en Fefiñáns, Francisco Asorei (Cambados, 1889 - Santiago, 1961) está considerado un dos renovadores da arte galega e unha das figuras máis relevantes da renovación da arte escultórica española do século XX.

Tras realizar os seus estudos en Sarrià (Barcelona0) e pasar por Barakaldo (Bizkaia) e Madrid, Asorei gaña en 1918 por oposición a praza de escultor anatómico da Facultade de Medicina de Santiago, cidade á que se traslada a vivir e onde monta un obradoiro na Caramoniña, a carón do mosteiro de San Domingos de Bonaval.

Deste taller saen as obras en madeira policromada tituladas Picariña, Naiciña, O Tesouro, Ofrenda a San Ramón, A Santa e San Francisco (1ª Medalla da Exposición Nacional de Belas Artes de Madrid). Na década de 1930 traslada o taller a Santa Clara por necesidades de espazo. Neste lugar crea os grandes monumentos Loriga, Curros Enríquez e Virxe de Tanxil, entre outros. Vive os anos da represión posteriores ao golpe de Estado nun plano discreto; realizando obras para as autoridades franquistas pero tamén encargas de gran calidade, como a Piedade para o Panteón do Centro Galego de Bos Aires, o monumento ao Padre Feijoo no Mosteiro de Samos, o monumento a Ramón Aller en Lalín ou a magnífica talla en madeira do Cristo da igrexa de Santa María de Moiá en Barcelona

En 1947 toma posesión como académico numerario da Real Academia Galega de Belas Artes e en 1957 é nomeado académico de honra da Real Academia Galega.

Máis en CULTURA
Comentarios