O Memorial Ricardo Portela de Pontevedra chega á súa 25ª edición

A Boa Vila celebra a figura dun gaiteiro e mestre lendario no país cunha programación que mestura tradición, cultura e ocio.

Ricardo Portela
photo_camera Ricardo Portela

O Memorial Ricardo Portela cumprirá o seu cuarto de século na nova edición que terá lugar os días 12 e 14 de xullo na praza da Ferrería. Son xa 25 anos honrando en Pontevedra a figura dun gaiteiro e mestre lendario no país cunha programación que mestura tradición, cultura e ocio. O edil de Festas, Demetrio Gómez, quixo ofrecerlle os seus parabéns a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s polo seu labor ao longo de todos estes anos, na presentación que tivo lugar onte.

Alberto Pires, en representación da Asociación de Gaiteir@s Galeg@s, repasou polo miúdo o programa desta vixésimo quinta edición, destacando que a mostra de artesanía estará presente un ano máis -e xa van 22-, e contará con artesáns de todos os instrumentos tradicionais como son Xaneco Tubío, Alberto Pires, Oli Xiráldez, Queima, Xosé Tuñas, Máster Gaita, Lorena Reinaldo, Nebra, Artesanía JMR. Miguel Rivas ou Iago Salgado, entre outras. A exposición estará aberta de 17.30 a 21.30 horas (na sexta feira) e de 11.30 a 14 horas e de 17 a 21.30 (sábado e domingo).

Pasarrúas

Os pasarrúas tradicionais tamén tomarán as rúas e amenizarán as xornadas da Boa Vila. Na sexta feira será a quenda dos grupos Arume de Boiro, Gaiteiros das Rías Baixas, Par de Par e Os Lerenses. O sábado estarán presentes Os Lubicáns, Nós tamén imos, Os Picurruchos e Picuiña. E na derradeira xornada, poderán ser escoitadas as pezas de Cantigas e Frores, Contracocheno, os Enxebres de Cacheiras e Os Xirifeiros.

Por outra parte, todas as xornadas haberá concertos de escenario (na propia Praza da Ferraría): Airiños da Febra na sexta feira, Homenaxe a Gabi Mujico e actuación de Caldo o sábado e Cantometrics o domingo.

Comentarios