MÁIS

Mergullarse na 'Ziralla'

Refrescarse no Arnado e Acearrica.
A praia fluvial de O Arnado. (Foto: Turismo Allariz)
photo_camera A praia fluvial de O Arnado. (Foto: Turismo Allariz)

O río que cruza a vila de Allariz, Ziralla, como a chama a veciñanza, é o Arnoia. Nas súas augas desenvolvéronse historicamente traballos, como a pesca, mais tamén acollen actividades de lecer como os paseos en barca ou o mergullo nos meses de calor. O río percorre a contorna de toda a vila por baixo de distintas diversas pontes, como a de Vilanova ou a Ponte de madeira.

Allariz conta con dúas praias fluviais moi significativas: Acearrica e O Arnado, situadas a menos de un quilómetro a unha da outra. A primeira delas destaca por ser un espazo tranquilo no medio da natureza. Pola contra, O Arnado está perto da vila, ao carón da ponte de Vilanova, e conta cun parque para a cativada. 

Sexa cal for a escolla de praia fluvial, ambas contan cunha ampla área de vexetación e dispoñen de zonas para pícnic. A zona do Arnado é a máis axeitada para actividades que impliquen unha barca e Acearrica é preferíbel para nadar. 

Non moi lonxe da praia fluvial do Arnado atópase o Parque Etnográfico do río Arnoia. Está situado no paseo fluvial e está formado por tres elementos que teñen o río como eixo: o Museo do Tecido, 'O Fiadeiro'; o Muíño do Burato e o Museo do Coiro 'Fábrica de Curtidos Familia Nogueiras'. Este último amosa as diferentes ferramentas para tratar as peles. Permite coñecer o proceso tradicional de curtir.

O edificio está restaurado e na parte superior conta cun obradoiro de coiro e aulas para desenvolver cursos de artesanía. Estes espazos son representativos da economía de Allariz. Antigamente, as actividades culturais e económicas da vila consistían no curtido de peles e na transformación dos cereais. No parque atópanse diferentes restos e representacións desta clase de traballos tradicionais. 

Ocio, tradición, natureza e tamén deporte: sen saír do río, a programación do verán anunciada polo Concello inclúe o domingo 18 de agosto a Regata Provincial de Piragüismo, que partirá do embarcadoiro da Alameda.  

Ecoespazo O Rexo-Requeixo de Valverde

O artista vasco Agustín Ibarrola foi o encargado desta obra pictórica, escultórica e de intervención sobre os elementos do bosque.  O ecoespazo conta a maiores cunha explotación piloto de ovino de leite e a queixaría do "Queixo do Rexo", apostando polo produto de proximidade.

O Arnoia, un río e unha revolta veciñal

É o 35 aniversario da revolta allaricense. Foi en 1989 cando a veciñanza se fechou na Casa Consistorial para denunciar a seca e os peixes mortos do Arnoia polas verteduras contaminantes. A revolta puxo fin ás agresións ao río e ao mandato do alcalde  popular Leopoldo Pérez.

Festival Internacional de Xardíns de Allariz

O xardín é unha obra de arte é o tema da décimo cuarta edición do Festival Internacional de Xardíns de Allariz. Conta con doce xardíns diferentes traídos de varios recunchos do planeta, como xa é costume neste evento. De maio a outubro, os xardíns están abertos para que o público poida desfrutar deles e, ademais, exercer de xurado. No recinto atoparanse tamén os xardíns gañadores da derradeira edición, escollidos polo voto do público e o voto do xurado profesional. Como todos os anos, estará presente no festival o xardín deseñado polo alumnado do IES de Allariz.

Comentarios