A 'resaca' electoral en Francia: manifestación contra a ultradereita e chamadas á unidade "republicana e demócrata"

Milleiros de persoas mobilízanse nas rúas de París para apoiar a Fronte Popular e protestar contra o avance da extrema dereita entre berros de "todo o mundo odia os fascistas". A dereita conservadora fica en terra de ninguén e non apoia nin a esquerda nin a ultradereita mentres o bloque de Macron mantén a súa oposición a Le Pen sen pedir explicitamente o voto para as formacións esquerdistas alá onde sexan a alternativa.
Milleiros de simpatizantes da Fronte Popular saíron á rúa contra o avance da Agrupación Nacional de Le Pen. (Foto: A Francia Insubmisa)
photo_camera Milleiros de simpatizantes da Fronte Popular saíron á rúa contra o avance da Agrupación Nacional de Le Pen. (Foto: A Francia Insubmisa)

A insólita vitoria da extrema dereita francesa nunhas eleccións lexislativas está a provocar un importante terremoto político no país. O gran derrotado da noite, o presidente Emmanuel Macron, pediu unha "gran concentración democrática" na segunda volta dos comicios —este domingo— para impedir que se certifique o triunfo da Agrupación Nacional de Marine Le Pen, un desexo compartido pola Nova Fronte Popular, que retirará as súas candidaturas nas circunscricións nas que poida gañar a ultradereita. "Nin un escano máis para eles", dixo o líder esquerdista Jean-Luc Mélenchon (A Francia Insubmisa).

Mélenchon, moi crítico con Macron por adiantar as eleccións coa premisa "que xa ninguén cre" de que a loita era entre el e Le Pen, dirixiuse aos seus simpatizantes na praza da República chamando a "escribir a historia" o vindeiro domingo. "O pobo francés vai ter que descubrir de novo o que é ser francés. Non é unha relixión, non é unha cor de pel, non é unha lingua. É un contrato político!", dixo, facendo así fronte ás mensaxes xenófobas vertidas desde as filas da AN e afirmando que "nada está decidido" aínda e que a súa coalición é "a única" capaz de derrotar Le Pen nas urnas.

Milleiros de persoas remataron a xornada marchando polas principais rúas de París para manifestar o seu apoio á Fronte Popular e o rexeitamento á ultradereita. A concentración máis importante foi a da praza da República, onde se puideron escoitar consignas como "todos somos antifascistas", "todo o mundo odia á policía", "todo o mundo odia os fascistas" ou "xustiza para Nahel", o adolescente morto a mans da Policía en xuño de 2023 en Nanterre.

Tibias chamadas a combater a ultradereita desde o centro e o conservadorismo

Tamén fixo un chamamento a se mobilizar contra a extrema dereita o líder do centrista Movemento Demócrata —integrado no 'bloque presidencial' de Macron—, François Bayrou, que pediu ás e os seus votantes analizar o panorama "circunscrición a circunscrición" para apoiar as formacións que poidan disputar o escano á ultradereita... agás da Francia Insubmisa (AFI). "Moitos franceses están desesperados por ter que elixir entre AN e AFI. Non teño ningún problema cos socialistas, os ecoloxistas [ambas as formacións, canda AFI, integradas na Fronte Popular] ou os candidatos dos Republicanos [a dereita conservadora francesa]; teño un problema con AFI, pois ten representantes que mantiveron unha actitude profundamente antirrepublicana. Analizaremos caso por caso, circunscrición por circunscrición", concluíu.

Menos concretos aínda foron Os Republicanos, que aseguran que a ultradereita "non é a solución" ao tempo que chaman a combater "a extrema esquerda", en alusión á Nova Fronte Popular, e tampouco apoian Macron. "A próxima semana é crucial. Convidamos solemnemente a todos aqueles que se negan a ser reféns dunha elección obrigada a dar o seu voto aos candidatos dos Republicanos presentes na segunda volta. Onde non esteamos presentes, considerando que os electores son libres na súa elección, non damos instrucións nacionais e deixamos que os franceses se expresen en conciencia", manifestaron este domingo, a través dun comunicado.

Un grupo de 'disidentes' republicanos encabezados polo seu líder, Éric Ciotti, decidiron apoiar a extrema dereita nestes comicios. Unha decisión que provocou unha guerra interna no partido do que noutrora formaron parte históricos dirixentes dereitistas do país como Charles de Gaulle, Jacques Chirac ou Nicolas Sarkozy.

Comentarios