O futuro de Biden, cada vez máis incerto: 'The New York Times' sostén que valora a retirada e a Casa Branca négao

Kamala Harris tenta acalar os rumores dunha posíbel sucesión perante as dificultades dos demócratas para fechar a crise.

Jill e Joe Biden baixando do 'Air Force One' no aeroporto JFK de Nova York, a pasada semana. (Foto: Derek French / SOPA Images via ZUM / DPA vía Europa Press)
photo_camera Jill e Joe Biden baixando do 'Air Force One' no aeroporto JFK de Nova York, a pasada semana. (Foto: Derek French / SOPA Images via ZUM / DPA vía Europa Press)

O presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, ao tempo candidato á reelección en novembro polo Partido Demócrata, “está a valorar se seguir na carreira”, publicou a cuarta feira citando unha persoa achegada ao mandatario o diario The New York Times.

A fonte asegura que se nos vindeiros eventos públicos desta semana prosegue cos lapsus e dúbidas que amosou no debate contra o ex presidente e candidato republicano, Donald Trump, “podería non ser capaz de salvar a súa candidatura”. “El sabe que se ten dous actos máis como ese estaremos nun lugar diferente” a pesar da súa intención de non abandonar a campaña e entregar a candidatura a outra persoa do partido.

“Esta afirmación é rotundamente falsa” e se o xornal “nos tivera concedido máis de sete minutos para comentar llo teríamos dito”, respondeu a Casa Branca.

A noticia do medio neoiorquino, cuxo consello editorial -así como múltiples comentaristas da firma- reclamoulle que renuncie ao nomeamento como candidato, golpeou a campaña de Biden, que intentaba superar a crise causada pola súa actuación no debate atacando as mentiras no evento de Trump, atribuíndoa a un arrefrío, ao cansazo polas viaxes ou á mala preparación que lle brindou o seu equipo.

Con posterioridade ao debate varias lexisladoras e lexisladores trasladaran opinións similares aos medios de forma anónima e un, Lloyd Doggett, en público. Un segundo deputado, Jim Clyburn, á vez ex líder adxunto dos demócratas na Cámara Baixa, implicouse no debate sobre unha hipotética substitución defendendo que se Biden non fose o candidato “este partido non debería, de ningunha maneira, facer nada para evitar Harris”.

Unha de cada tres persoas que se identifican como votantes demócratas cren que Biden debería renunciar a esta nova carreira presidencial, segundo unha enquisa de Reuters e Ipsos publicada nas últimas horas.

Na mesma sondaxe propuxéronse posíbeis alternativas ao actual mandatario que poderían derrotar Trump en novembro, como Michelle Obama, esposa do ex presidente Barack Obama, que alcanzaría 50% dos votos fronte ao 39% de electoras e electores que, neste caso, optarían polo candidato do Partido Republicano. De presentarse finalmente Biden, porén, o resultado sería un empate técnico (40%) entre el e Trump.

A actual vicepresidenta, Kamala Harris, obtería máis apoios que Biden (42%), mais perdería o voto popular pola mínima ante o seu contrincante (43%). E precisamente o nome de Harris é un dos que soa con máis forza nos 'mentideiros' de Washington D.C., pese ao que non se desvía do discurso oficial e porfía en descartar posíbeis mudanzas na papeleta.

"Joe Biden é o noso candidato. Gañamos a Trump unha vez e volveremos facelo, punto", dixo esta terza feira, nunha entrevista en CBS News na que tamén se mostrou "orgullosa" de repetir como compañeira de fórmula do presidente demócrata. En calquera caso, até 75% da poboación estadounidense, segundo outra enquisa da CNN, cre que o Partido Demócrata tería máis opcións de vencer nas presidenciais sen Biden.

A vicepresidenta dos EUA, Kamala Harris, nun acto recente de campaña en Filadelfia. (Foto: Ricky Fitchett / ZUMA Press Wire / d / DPA vía Europa Press)
A vicepresidenta dos EUA, Kamala Harris, nun acto recente de campaña en Filadelfia. (Foto: Ricky Fitchett / ZUMA Press Wire / d / DPA vía Europa Press)

De presentarse o actual gobernador de California, Gavin Newsom, outro dos nomes que saíron á palestra canda os de Obama e Harris, a papeleta demócrata sumaría arredor de 43% dos apoios, cinco puntos menos que a opción republicana. E se a candidata fose a gobernadora de Michigan, Gretchen Whitmer, perdería con 43% dos sufraxios fronte ao 47% de Trump.

"Foi só unha mala noite"

Tamén desde a Casa Branca procuran fechar filas arredor de Joe Biden. "A realidade da situación é que o presidente tiña un arrefriado e unha mala noite", dixo esta terza feira Karine Jean-Pierre, voceira da Casa Branca, facendo alusión ao debate con Trump. "O mesmo presidente dixo que xa non é un home novo nin un bo orador como adoitaba ser, e que non pode camiñar tan facilmente como antes [...], el mesmo o admitiu e chanceou sobre a súa idade moitas veces, estamos a recoñecer o que a xente está a ver, mais nesta ocasión foi só unha mala noite", reiterou.

E o propio Biden aumenta os esforzos para convencer as súas bases de que está preparado para un novo mandato. O sucedido no debate foi cousa do "cansazo", afirmou esta terza feira nun acto de recadación de fondos en Virxinia. "Decidín viaxar arredor do mundo un par de veces pouco antes do debate, desouvín o meu persoal... e non foi moi intelixente. Case quedo durmido no escenario. Non é unha escusa, senón unha explicación", manifestou. Unha explicación que contrasta coa realidade, pois Biden pasou a semana previa ao debate encerrado na residencia presidencial de Camp David, precisamente, para preparalo ben.

En calquera caso, a imaxe que o actual dirixente deu nese debate televisado prendeu todas as alarmas no Partido Demócrata. Un dos seus principais activos, o ex presidente Barack Obama, admitiu esta terza feira, nun evento con persoas próximas a el, que o camiño de Biden cara á reelección tornou "nun desafío maior" despois desa cita. Así o constatan fontes da contorna de Obama, citadas por The Washington Post, que tamén aseguran que a postura que mantén en privado a respecto da idoneidade do candidato demócrata é aínda máis dura. Diante das cámaras, con todo, si defendeu Biden.

Comentarios