Cal é o plan de Donald Trump para Ucraína e a OTAN?

Asesores do ex presidente relatan a 'Politico' as estratexias que seguiría no caso de volver á Casa Branca.
Donald Trump (Foto: Aaron Schwartz).
photo_camera Donald Trump (Foto: Aaron Schwartz).

En caso de gañar a contenda electoral de novembro, Donald Trump ten plans para o conflito ucraíno. Dous expertos da contorna de Trump revelaron a Politico que en caso de ter éxito electoral, Trump contemplaría como presidente un acordo con Moscova, baixo o cal a OTAN se comprometería a cesar a súa expansión oriental, en particular cara a Ucraína e Xeorxia, e negociaría co presidente ruso, Vladimir Putin, sobre as partes de Ucraína que Rusia podería manter baixo o seu control.

Non se precisa de que territorios se trataría en particular. Así, permanece na incógnita a aposta de Trump para as Repúblicas de Donetsk e Lugansk e as provincias de Jersón e Zaporozhie, que foron incorporadas por Rusia como parte do seu territorio.

As tropas rusas tamén seguen avanzando na provincia de Járkov, segundo explicou o presidente Putin, en resposta aos bombardeos ucraínos "dos barrios residenciais das zonas fronteirizas, incluída Bélgorod" e co obxectivo de "crear unha zona de seguridade, unha zona sanitaria", ao engadir que Moscova non planea tomar o control deste territorio.

Cambios na OTAN

É pouco probábel que Donald Trump opte por retirar aos Estados Unidos da OTAN, a pesar das súas reiteradas ameazas de facelo. Pero iso non significa que o bloque militar permaneza intacto, segundo informa Politico ao citar a ex funcionarios de seguridade e expertos en defensa que traballaron baixo a presidencia de Trump e que poderían formar parte do seu novo equipo.

Se consegue regresar á Casa Branca, o líder republicano non soamente esperaría que os Estados europeos aliados satisfagan as reiteradas exixencias que expuxo no seu anterior mandato, no sentido de aumentar a súa participación nos gastos da OTAN, senón que implementaría unha "reorientación radical" desa Alianza, revelou Dan Caldwell, experto en defensa familiarizado co pensamento dos asesores de Trump en seguridade.

O cambio que prevén supón unha "redución significativa do papel dos EUA na seguridade" do continente europeo. Así, pasaría de ser o principal subministrador de poder combativo no territorio para converterse en "alguén que prové apoio só en tempos de crises", detallou Caldwell.

Aínda que Washington conservaría o seu paraugas nuclear en Europa, do mesmo modo que as súas forzas e bases aéreas en Alemaña, Reino Unido e Turquía, ademais das súas bases navais, outra cousa pasaría coa maior parte dos labores de infantaría, blindados, loxística e artillaría, que acabarían pasando a ser responsabilidade dos Estados europeos aliados, segundo aseguraron ao medio antigos funcionarios e expertos do equipo de Trump.

Outra parte do plan de Trump consiste en ter unha OTAN de dous niveis, o que suxire que os Estados membros que non cumpran co nivel de gasto militar equivalente a 2% do produto interior bruto (PIB) "non gozarían da xenerosidade defensiva nin as garantías de seguridade dos EUA".

Aínda que isto contradiría o Artigo 5 do Tratado, que obriga a axudar a todo membro que resulte atacado, os asesores do ex presidente dos Estados Unidos alegan que a linguaxe desa disposición é flexíbel e non necesariamente require dunha resposta militar.

Comentarios