Novo referendo en Porto Rico sobre o status da illa: "Votaremos cantas veces sexa necesario votar para pór fin á colonia"

Porto Rico prepárase para unha nova consulta de autodeterminación o 5 de novembro, e que foi criticada polos independentistas e polos defensores da libre asociación.

O gobernador de Porto Rico, Pedro Pierluisi, e o secretario de Estado territorial, Omar Marrero, coa orde executiva na madrugada da terza feira. (Foto: Gobernación de Porto Rico)
photo_camera O gobernador de Porto Rico, Pedro Pierluisi, e o secretario de Estado territorial, Omar Marrero, coa orde executiva na madrugada da terza feira. (Foto: Gobernación de Porto Rico)

O gobernador de Porto Rico, o conservador Pedro Pierluisi (Partido Novo Progresista, PNP), asinou a orde executiva 2024-016, que convoca un plebiscito sobre o status do arquipélago o 5 de novembro deste ano, coincidindo coas eleccións presidenciais e lexislativas dos Estados Unidos, uns comicios nos que as persoas que residen no territorio non poden votar a pesar de ter cidadanía estadounidense, e coas xerais portorriqueñas, recolleron na madrugada da terza feira medios internacionais.

Nas papeletas haberá tres opcións: Estatidade (converterse no 51º Estado dos Estados Unidos, independencia ou “soberanía en asociación”, con negociacións con Washington arredor da xestión dos asuntos exteriores, a cidadanía e o uso do dólar estadounidense.

Pierluisi descartou incluír a opción de manter o actual status de Estado libre asociado e defendeu a convocatoria para facer valer “os nosos dereitos como cidadáns americanos de exixir a nosa autodeterminación por medio do voto directo e sen intermediarios”, amais de requirir “ao Goberno federal a reparación do agravio que representa o noso status colonial”.

En paralelo, insistiu en que “Porto Rico ten o dereito, e eu diría a obriga moral, de exixir que o Congreso responda de maneira satisfactoria á vontade do noso pobo. Por iso, cantas veces sexa necesario votar para pór fin á colonia, así o faremos”, manifestou Pierluisi.

O PNP do gobernador está a favor da anexión íntegra por parte dos Estados Unidos, alternativa que se impuxo no referendo de 2020 con 52,5%, mentres que 47,5% rexeitou a incorporación cunha participación na contorna de 55% do electorado.

Tres anos antes apenas 23% do censo votou noutra consulta na que a estatidade se impuxo con 97,15%, cun pacto de soberanía canda libre asociación con 1,5% e o mantemento da situación actual con 1,35%. A principal forza da Cámara Baixa portorriqueña, a un asento da absoluta, o Partido Popular Democrático (PPD), con faccións progresistas e conservadoras, boicoteouna por rexeitar que a papeleta definira Porto Rico como unha colonia. O PPD móvese desde a defensa do status quo até de máis competencias pero sen independencia.

No de 2012 a participación alcanzou 78% nunha dobre votación na que 54% amosou o seu desacordo co status político vixente e 62% o seu apoio á estatidade, cun 33% a favor de soberanía con asociación e 5% da independencia. Con anterioridade decorreran outros tres plebiscitos. En 1998 -con 71% de participación a vitoria foi para a opción “ningunha das anteriores” con 50.5%, por diante da estatidade (46,6%) e da independencia (2,6%)-, en 1993 -gañou manter o status con 48,9%, mentres que a estatidade e a independencia se fixeron con 46,6% e 4,4% respectivamente cunha participación de 74%-, e en 1967 -venceu o status actual (60,4%), a estatidade tivo 39% e á independencia 0.6%, e votou 66% do censo-.

Sexa como for, é o Congreso estadounidense quen ten a última palabra sobre se acepta ou ignora o resultado no arquipélago, invadido e colonizado desde 1898.

A Alianza de País, candidatura progresista conformada polo Movemento Vitoria Cidadá (MVC) e o Partido Independentista Portorriqueño (PIP) para os comicios xerais, nas que á parte da nova gobernadora ou gobernador do país se escollerá a Cámara de Representantes e o Senado territorial, adiantara que rexeitaría calquera consulta convocada coa Lei 165, que permite á Gobernación convocar un referendo sen o aval da Asemblea Lexislativa.

Juan Dalmau, aspirante do PIP á Gobernación, sinalou que impugnarán a Lei 165 por inconstitucional, ao permitir que Pierluisi decida as opcións do plebiscito, criticando a convocatoria por decreto, e abriu a porta a un boicot.

"Desviar a atención"

Á vez, Jenniffer González, candidata do PNP após derrotar Pierluisi nas primarias, defendeu o uso da lexislación mais admitindo que só foi presentada perante o Senado federal após ser aprobada pola Cámara Baixa.

Ao tempo, o candidato do PPD, Jesús Manuel Ortiz, subliñou que a votación de autodeterminación “pretende desviar a atención dos malos Gobernos do PNP” e mobilizar os seus partidarios.

Os Estados Unidos teñen 12 bases militares en Porto Rico, situado no mar Caribe ao leste de Cuba, Haití e a República Dominicana. O arquipélago está exento de impostos como os referentes aos ingresos, polo que é usado para reducir a súa factura con Facenda por grandes empresas estadounidenses. Á vez recibe menos fondos federais que o resto de Estados ao manterse nun limbo xurídico no que tamén están as Illas Marianas do Norte, no oeste do océano Pacífico.

A supremacía de Washington foi ratificada en 2016, cando o Congreso designou logo de que Porto Rico se declarara en bancarrota unha Xunta de Supervisión Fiscal que prevalece sobre as autoridades electas e que impuxo fortes medidas de restrición de gasto que afectaron os sectores produtivos.

A dependencia e a xestión das institucións locais derivaron en que o arquipélago non sexa quen de recuperarse dos sucesivos furacáns que o arrasan. Sumado á pobreza desencadearon que un terzo dos 3,2 millóns de habitantes vivan na rúa ou en casas improvisadas.

Biden loita por superar o debate sobre a súa idade

Despois de que a súa mala actuación con múltiples lapsos no debate que o enfrontou ao candidato republicano e ex mandatario Donald Trump profundaran as dúbidas sobre a súa competencia para o cargo polos 81 anos cos que conta, o actual presidente dos Estados Unidos, o demócrata Joe Biden, e a súa formación manobran para intentar deixar no pasado o debate a nivel público.

Nese sentido, a axencia Bloomberg sinala que se está a considerar adiantar ao 21 de xullo ou unha data próxima a designación formal de Biden como candidato do Partido Demócrata, algo que en teoría prevía facer nunha convención programada a partir do 19 de agosto. Co adianto buscarían superar o debate interno sobre unha hipotética substitución do presidente como candidato, unha decisión que na práctica tería que tomar el.

Logo do debate, a familia de Biden instouno a non abandonar a candidatura -unha opción que el nunca deixou entrever-, atribuíndo o acontecido á mala preparación que lle tería brindado o seu equipo. Unha enquisa publicada pola canle CBS revela que 72% das e dos votantes considera que Biden debería renunciar á tentativa de reelección, algo que lle demandaron os editoriais de varios medios de comunicación, entre eles o xornal The New York Times.

Comentarios