Besteiro rexeita "condicionar" a saída do conflito do PSOE compostelán, que deben resolver "os órganos internos"

O líder do PSdeG asegura que non abordou o asunto especificamente nin co secretario xeral do PSOE compostelán, Aitor Bouza, nin co portavoz municipal, Gonzalo Muíños, máis aló de manter "contactos xenéricos".
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro. (Foto: Nós Diario).
photo_camera O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro. (Foto: Nós Diario).

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, rexeitou esta quinta feira "condicionar" a saída do conflito do PSOE compostelán tras a ruptura entre o grupo municipal e a dirección local e asegurou que os órganos internos do partido deben resolver o asunto a través dun proceso que cualificou de "absolutamente garantista".

O xefe de filas do PSdeG pronunciouse nestes termos ao ser preguntado pola crise aberta na agrupación compostelá tras romperen os seis concelleiros e concelleiras a disciplina de voto marcada pola executiva local en relación a unha ordenanza sobre vivendas turísticas. Preguntado sobre o proceso aberto por mor da ruptura da disciplina de voto, Besteiro sostivo que non hai ningunha novidade no asunto e remitiuse á dirección provincial do partido.

"Como secretario xeral da Galiza, pódovos dicir neste momento que non hai máis novidades das que poidamos ou debamos informar", sostivo, nunha intervención na que asegurou que "non" quere "condicionar" o asunto, que considera que se debe debater "no ámbito competencial do partido".

"Non exclúo ningunha posibilidade, pero tampouco condiciono. Non son eu quen debe opinar sobre esa cuestión", incidiu, nunha comparecencia na que asegurou tamén que non abordou o asunto especificamente nin co secretario xeral do PSOE compostelán, Aitor Bouza, nin co portavoz municipal, Gonzalo Muíños, máis aló de manter "contactos xenéricos".

Preguntado polo feito de que se trate dun conflito que afecta a totalidade da representación que o partido ten no Concello de Compostela, a capital da Galiza, Besteiro sinalou que todo o partido "debe funcionar" conforme ás normas das que se dota a formación. Tras incidir na prevalencia do regulamento interno do PSOE, insistiu en que el non debe "precondicionar, pór límites nin predispor" cara a unha dirección determinada.

"O que debo de facer é velar porque as nosas normas se cumpran", subliñou, para logo volver sinalar que o asunto agora está en mans da executiva provincial do PSOE da Coruña. Nesta liña, rexeitou tamén dar a súa opinión sobre o conflito. "A dirección nacional pouco ou nada debe opinar publicamente", sinalou o xefe de filas da formación, que asegurou que o proceso interno polo PSOE ante este tipo de conflitos é "moi garantista".

Por último, dixo que a posibilidade de quedar sen representación non é un asunto que lle preocupe neste momento. "Non é unha cuestión que me teña que preocupar neste momento. Cando se produza, se se produce, faremos unha valoración", dixo.

Pacto co PP no Carballiño

Por outra parte, preguntado sobre a ratificación do acordo entre os concelleiros socialistas do Carballiño e o PP para repartirse a Alcaldía, Besteiro lembrou que continúa aberto o expediente incoado contra os edís.

Comentarios