O PSdeG evita aclarar se expulsará os edís de Compostela e afirma que o expediente aberto será "rigoroso"

"A cuestión de Santiago é que é un expediente que está aberto no partido. Compete neste caso o órgano provincial, que xa fixo as súas declaracións", afirma a secretaria de Organización adxunta do PSdeG, Ana Pena.
A secretaria de Organización adxunta do PSdeG, Ana Pena, en declaracións aos medios. (Foto: PSdeG)
photo_camera A secretaria de Organización adxunta do PSdeG, Ana Pena, en declaracións aos medios. (Foto: Nós Diario)

A secretaria de Organización adxunta do PSdeG, Ana Pena, rexeitou pronunciarse esta segunda feira sobre o expediente aberto aos seis concelleiros e concelleiras socialistas de Santiago de Compostela e limitouse a sinalar que o citado procedemento "seguirá con rigorosidade" os estatutos do partido.

Preguntada a este respecto nunha comparecencia ante os medios ofrecida desde a sede do PSdeG, a socialista dixo que é unha cuestión que compete o órgano provincial e remitiuse á postura da dirección provincial, que a pasada semana convocou unha executiva na que abordou o asunto das vivendas turísticas, a orixe do conflito na capital galega.

"A cuestión de Santiago é que é un expediente que está aberto no partido. Compete neste caso o órgano provincial, que xa fixo as súas declaracións", afirmou, para asegurar que, "por responsabilidade", a dirección non fará máis declaracións en relación con este procedemento até que conclúa.

Neste punto, preguntada sobre se o proceso podería rematar coa expulsión dos seis edís —a totalidade da representación do partido no consistorio compostelán—, limitouse a insistir en que o expediente seguirá "con rigorosidade" os estatutos do partido. "Non sabemos a situación que se pode dar. Seguiranse os criterios que se estabelecen nos estatutos e, unha vez que o procedemento conclúa, faremos as declaracións que sexan correspondentes e oportunas", indicou.

Por último, sobre se considera que hai marxe para recompoñer a situación, dixo que "hai marxe para todo". Algo que parece complicado dada a profunda fenda aberta entre o grupo municipal socialista e a dirección local do partido, que a pasada cuarta feira deu un prazo de cinco días —que remataría nas próximas horas— ao seu portavoz no Concello, Gonzalo Muíños, para formalizar o cambio do xefe de prensa e a xefa de gabinete que traballan para a formación.

Porén, a pasada semana a concelleira socialista Mercedes Rosón reiterou que a actuación dos seis edís do grupo municipal foi "coherente" e "leal" na votación da ordenanza sobre pisos turísticos coa postura defendida polo propio PSdeG en relación a este tipo de vivendas.

Comentarios