O barrio si inflúe na esperanza de vida: a veciñanza de zonas máis ricas vive até nove anos máis

Un estudo evidencia que "as condicións de vida non dependen do mérito persoal, senón de condicións sociais estruturais, como a renda familiar, o nivel de formación e, moi especialmente, o código postal".
Bloque de vivendas en Ourense. (Foto: Agostime / Europa Press)
photo_camera Bloque de vivendas en Ourense. (Foto: Agostime / Europa Press)

Un estudo no que participaron varios profesores e a Oficina de Cooperación da Universidade de Sevilla (US) concluíu que a poboación de barrios pobres de Sevilla vive, de media, até nove anos menos que a de barrios ricos de Andalucía. A análise do informe céntrase nas doce cidades andaluzas maiores de 100.000 habitantes —as oito capitais provinciais e mais Algeciras, Jerez de la Frontera, Marbella e Dos Hermanas— e contou coa participación de seis universidades andaluzas. Utiliza como ámbito espacial de referencia as seccións censuais, que observan o comportamento de catro indicadores: nivel de formación, desemprego, renda media por fogar e mortalidade.

"Por que cando nazo teño estatisticamente unha maior probabilidade de morrer antes que outra persoa na mesma cidade?". É a pregunta que se fai Inmaculada Caravaca, profesora xubilada do Departamento de Xeografía Humana da Universidade de Sevilla, que coordina o V Informe do Observatorio de Desigualdade de Andalucía. O estudo, no que participan varios profesores e a Oficina de Cooperación ao Desenvolvemento da US, lanza "devastadoras conclusións", entre as que se atopa que a esperanza de vida media é de até nove anos menos —8,8, máis concretamente— nos barrios pobres de Sevilla, se se compara coa dos barrios ricos.

A poboación de Santa Clara tería a esperanza de vida de Xapón —uns 84 anos—, e a do Polígono Sur, a de Corea do Norte —75—, consideran quen elaboraron o informe. O estudo fai un zoom por barrios en Andalucía e "pon en evidencia que as condicións de vida non dependen do mérito persoal, senón de condicións sociais estruturais, como a renda familiar, o nivel de formación e, moi especialmente, o código postal".

"A desigualdade ten consecuencias letais, a esperanza de vida acúrtase", asegura Sonia Díaz, de Oxfam Intermón, quen xunto a Caravaca coordina o informe. "O nivel de estrés no que vivas, as dimensións da túa vivenda, o seu acondicionamento climático... as túas circunstancias vitais van configurando o acceso ou atraso en niveis formativos, a entrada ao mercado laboral, o estilo de vida, a capacidade de afrontar gastos, o desgaste físico e mental e, finalmente, a túa morte máis temperá", explica.

Un dos principais obstáculos para conseguir o benestar é o difícil acceso ao traballo e, en consecuencia, a falta de ingresos. "Ante todo, son as familias e algunhas redes de apoio mutuo as que sosteñen, amortecen ou elevan os niveis de cohesión", expón. Sevilla, ademais de contar con seis dos quince barrios máis pobres do Estado español e tamén de Europa —segundo o informe de Indicadores Urbanos do Instituto Nacional de Estatística de 2023—, presenta unha das desigualdades máis extremas da comunidade autónoma, cunha renda media por fogar catro veces máis alta de media nos barrios máis ricos a respecto dos máis empobrecidos. De feito, a renda familiar alcanza os 75.000 euros en Tabladilla-La Estrella (El Porvenir), cinco veces máis que a de Torreblanca, con 14.000 euros.

Alertan, ademais, do carácter estrutural destas desigualdades, porque "os barrios de Sevilla que eran xa desfavorecidos hai 30 anos, ségueno sendo na actualidade", sinala Inmaculada Caravaca. Unha idea que confirma Ibán Díaz, profesor de Xeografía Humana na Universidade de Sevilla e un dos autores do informe. "A segregación e a desigualdade teñen a reproducirse na historia", aínda que —explica— unha maior desigualdade non necesariamente implica unha maior segregación, xa que hai unha serie de factores que inflúen niso, como o modelo de crecemento urbano ou as características particulares de cada cidade.

O informe investiga conxuntamente por primeira vez os patróns de segregación socioespacial de moitas cidades andaluzas, unha información moi valiosa que pode axudar as administracións públicas a tomar decisións que corrixan a segregación social e, polo tanto, a estigmatización e a cronificación da pobreza. "O obxectivo fundamental é pór na axenda dos responsábeis públicos, dos axentes sociais e da poboación esta realidade para alcanzar compromisos precisos e verificábeis para erradicar a desigualdade", precisan desde a US.

Comentarios