Análise

Izaba/Isaba, un modelo enerxético local

Colectivo Bidán, Quico da Silva e Fernando Branco.
Izaba ten un modelo enerxético especial ligado á electricidade. (Foto: Concello de Izaba).
photo_camera Izaba ten un modelo enerxético especial ligado á electricidade. (Foto: Concello de Izaba).

É ben coñecido que o centro das análises e propostas do Colectivo Bidán é Galiza e a súa política enerxética, e para iso procuramos información en todos os ámbitos e, de ser o caso, tamén viaxamos para coñecer experiencias concretas noutros territorios. Iso vimos de facer, grazas á boa predisposición e grande acollida da equipa de goberno do Concello de Izaba/Isaba, nos perineos navarros, ao que recomendamos achegarse, xunto aos vales do Roncal/Erronkaribar (Erronkariko ibaxa no euskera roncalés) e do Salazar/Zaraitzu ibarra.

Trátase dun municipio por baixo do 500 habitantes, cun modelo singular de política enerxética, baseado nunha concesión de principios dos anos 60 do anterior século para unha central hidroeléctrica que, logo dunha ampliación, ten tres turbinas cunha potencia total de 900 kw, atendida por unha administrativa, unha operaria de mantemento e dúas enxeñeiras externas, en Zaragoza e Huesca, para a xestión e a venda da electricidade.
O seu esquema complétase coa propiedade da distribución na localidade, cunha retribución garantida, vía BOE, por ser a distribución unha actividade regulada que non entra en competencia.

Urxe promover iniciativas locais de xeración de enerxía renovábel

Até hai pouco tempo tamén tiña unha comercializadora local, mais, igual que lle está a pasar a moitas outras pequenas e medianas, o baile de prezos, con tremendas oscilacións e subas nalgún momento espectaculares, provoca dificultades financeiras e aboca ao peche, proceso favorábel ás grandes, que teñen contratos de longa duración coas súas propias empresas xeradoras.

A central minihidráulica de Izaba/Isaba, perfectamente integrada no medio e cunha aula de educación sobre a xeración eléctrica, dotada dunha bomba de calor, aproveita o caudal do río Belagua que atravesa a vila, e constitúe un activo económico que, ano tras ano, axuda ao financiamneto do Concello e, polo tanto, ao mantemento dos servizos municipais, nunha porcentaxe de ingresos sobre do orzamento significativa, nalgún ano superando 20%, segundo os datos facilitados polo alcalde de Izaba/Isaba, Carlos Anaut, con total transparencia e amabilidade.

Xestión pública municipal

Eis a nosa primeira reflexión, e tamén concreción da nosa reiterada e insistente proposta dunha auditoría das concesións hidroeléctricas na Galiza e, de ser o caso, posterior reversión, en cumprimento da obriga legal de entregarse en perfecto estado de uso para ser xestionadas pola administración pública. Porén, nunca contemplamos unha situación como a do Concello de Izaba, a dous anos do remate da súa concesión, cunha central hidroeléctrica construída e xestionada dende hai máis de 60 anos pola administración local, e que teña que pasar a ser propiedade do Estado.

Dende o Colectivo Bidán cremos que é precisa unha modificación da lexislación actual para protexer ditas situacións; non ten sentido algún promover o rescate dunha concesión do uso dun ben público cando xa está en mans públicas, aínda que sexan municipais. A contradición aínda é maior ao comparala cos parques eólicos, nos que os intereses privados explotan de por vida outro recurso natural como o vento, que tamén debería ser ben público.

Os Concellos non aproveitan a enerxía renovábel do caudal dos seus ríos para que os beneficios revertan no conxunto da cidadanía

Mais temos outra reflexión, neste caso máis próxima. Por que na Galiza, o país dos mil ríos, non temos situacións semellantes? Por que quedou a xeración hidroeléctrica, en maior proporción, en mans das grandes empresas, mesmo nalgún caso resultado de  confiscacións violentas no franquismo? Temos aínda pequenas distribuidoras que resisten, pero, segundo a información oficial, os Concellos non aproveitan a enerxía renovábel do caudal dos seus ríos para que os beneficios revertan no conxunto da cidadanía.

É evidente que os Concellos, aínda coas súas limitacións competenciais, deben ser quen de recoñecer e estudar a potencialidade dos recursos enerxéticos de orixe renovábel no seu ámbito xeográfico, para tentar a súa ordenación e planificación, e promover iniciativas de xeración de enerxía renovábel, eléctrica e de calor, na loita contra o cambio climático, nas que os beneficios repercutan de xeito directo na propia comunidade.

O dificultoso camiño da transición enerxética, se ao final se empezan a descarbonizar os consumos industriais e a mobilidade, vai obrigar a empregar máis electricidade renovábel; nisto Galiza ten unha situación inmellorábel e os Concellos poden xogar o seu papel. Izaba/Isaba é un exemplo, con moi pequeno impacto no río pódese obter un beneficio público, só é preciso vontade política.

O vello "pensar globalmente, actuar localmente", ou a moderna "glocalización".

Comentarios