A crise da industria cronifícase na Galiza tras destruír 32.600 empregos desde 2008

O Foro Económico de Galiza presentou en Compostela o seu 'Informe de Conxuntura Socioeconómica' referido ao primeiro trimestre do presente ano. O documento, elaborado por un equipo de economistas coordinado polo profesor Fernando González Laxe, alerta da situación do sector manufactureiro.

Foro
photo_camera González Laxe, Francisco Armesto, Lucía Ferreira e Santiago Lago en Compostela na presentación do 'Informe de Conxuntura Socioeconómica'. (Foro Económico).

O Informe de Conxuntura Socioeconómica do Foro Económico de Galiza relativo ao primeiro trimestre de 2024 volve pór foco nas debilidades do sector manufactureiro galego. O relatorio, redactado polos economistas Francisco José Armesto, Santiago Lago e Patricio Sánchez, baixo a coordinación do profesor emérito da Universidade da Coruña e ex presidente da Xunta da Galiza, Fernando González Laxe, sinala que “é preocupante o desigual comportamento da industria manufactureira na Galiza e España, rexistrándose na comunidade autónoma un crecemento de tan só un 0,6% fronte ao incremento superior a 3% no conxunto do Estado (3,3%)”.

O relatorio incide en que, “xunto a devandita debilidade do crecemento da industria manufactureira cómpre insistir novamente na súa baixa produtividade relativa, que se sitúa no 72,1% da media española en termos de postos de traballo equivalente a tempo completo (Ptetc) e no 73,6% en termos de horas traballadas, que son con carácter xeral as porcentaxes máis reducidas desde o ano 2008”. Na mesma liña, destaca que “cómpre insistir unha vez máis na moi reducida produtividade relativa da actividade manufactureira en relación ao conxunto” do Estado.

Os datos achegados polo Informe de Conxuntura Socioeconómica do Foro Económico de Galiza inciden na cronificación da crise do complexo industrial galego, iniciada ao comezo da coñecida como Gran Recesión á volta de 2008. A este respecto, o Instituto Galego de Estatística (IGE) lembra que en marzo dese exercicio o sector ocupaba 216.000 persoas en toda a Galiza, ficando en 183.400 en marzo de 2024, último mes con datos. Neste sentido, a industria destruíu nese período 32.600 postos de traballo.

A caída de emprego na industria contrasta co acontecido no sector servizos. Mentres entre 2008 e 2023 o sector industrial perdeu na Galiza 32.600 persoas ocupadas, pasando de representar 18% a 14,6% do emprego total, o sector servizos gañou 63.300 traballadores e traballadoras, ao aumentar de 735.400 ocupados en marzo de 2008 a 798.700 no mesmo mes de 2024. Neste sentido, o sector industrial representa no país arredor de 15,6% do Produto Interior Bruto (PIB), unha cifra que fica lonxe do 20% recomendado pola Unión Europea para os Estados membros.

O referido Informe de Conxuntura Socioeconómica apunta que a industria representaba 14,1% do valor engadido bruto (VEB) da economía galega no primeiro trimestre de 2008, reducíndose no mesmo período de 2024 a 12,4%. Nese mesmo período, o valor xerado polas manufacturas alemás incrementouse en 29%, o que evidencia a aposta pola industria dos Estados centrais da Unión Europea. Tanto é así que entre 2008 e 2021, último ano con datos de Eurostat, en Alemaña, a produción industrial aumentou 36%, mentres na Galiza continúa por baixo dos niveis previos á Gran Recesión.

Os deseños da UE

A este respecto, o profesor de Historia Económica da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Adrián Dios considera que “se ben a crise impactou en 2008 de forma similar en todo o tecido industrial do continente, a partir de 2009 iníciase unha recuperación industrial en Alemaña e, no ano seguinte, na UE-27. Mais é neste período cando as políticas de axuste comezan a ser hexemónicas para o sur de Europa, o que determina un estancamento industrial que non remata até ben finalizada a década”.

3.596 industrias fecharon no país desde o exercicio de 2008. Segundo os datos achegados polo IGE, a finais desa anualidade a Galiza contaba con 17.190 empresas dedicadas a esa actividade, ficando en 2022, último ano con datos, en 13.594. Así, a redución do tecido industrial mantívose constante ao longo de todo o período, destacando pola súa intensidade os primeiros anos da Gran Recesión e o ciclo económico aberto a partir de 2018 e acelerado pola pandemia e a crise de prezos.

O Instituto de Estudos e Desenvolvemento da Galiza (Idega) ten analizado de forma demorada esta cuestión. Neste sentido, no seu traballo A economía galega. Informe 2019/2020, sinala que "a comezos de 2019 Galiza contaba con 388 empresas industriais menos que en 2018, das que 268 tiñan menos de 10 traballadores e 120 eran de maior tamaño". Asemade, entre 2019 e 2022 perdéronse outras 1.114 compañías industrias no conxunto da xeografía galega.

A produción industrial por baixo de 2008

O Índice de Produción Industrial (IPI) situouse en abril de 2024, último mes con cifras, por baixo dos niveis de 2008, o que evidencia que o complexo industrial non logrou recuperar a actividade previa á Gran Recesión. Así, o IPI rexistrou 103,5, isto é 36,6 puntos por baixo de 2008, cando rematou o ano en 140,1. Asemade, esta tendencia non se viu alterada nos períodos de crecemento do IPI no Estado español, en Portugal e no conxunto da Unión Europea.

A produción industrial está moi por baixo das cifras de 2008, non conseguindo recuperar en ningún dos exercicios os niveis anteriores á crise. Neste sentido, os autores do relatorio A economía galega. Informe 2022 destacan que "mentres o IGE estimaba unha caída do VEB industrial de 2% en 2022, o IPI confirmaba este descenso que cuantificaba no 1,3%. Este dato supuña que o volume de produción na Galiza non era capaz de recuperar os niveis anteriores á crise sanitaria, 2019, sendo a produción de 2022 similar á que se lograba en 2015”.

Alimentación, automoción e metalurxia suman 60% da facturación industrial

Os tres sectores tractores da actividade manufactureira na Galiza son a industria alimentaria, a fabricación de vehículos e a metalurxia. Segundo as cifras ofrecidas pola Enquisa estrutural de empresas, representaban en 2022, último ano con datos, 60,8% da facturación industrial, referindo o complexo alimentario 26,3%, a automoción 23,4% e a metalurxia 11,1%. Precisamente, estas dúas últimas actividades atópanse nunha situación "crítica", tal e como están denunciando nos últimos meses as organización sindicais.

As perspectivas de futuro son incertas para a industria galega do automóbil, que actualmente ocupa 23.500 persoas de modo directo. Á substitución do coche de combustión polo eléctrico, que segundo a patronal europea do automóbil implicaría a destrución de 63.000 empregos no Estado e 4.400 na Galiza no horizonte de 2040, súmase o anuncio do novo director de Stellantis sobre a intención do grupo de deslocalizar parte da produción a países como Portugal, Marrocos, Turquía, Alxeria ou Polonia, o que afectaría á súa planta de Vigo.

Outro tanto acontece co sector metalúrxico, cuxa cifra de negocios depende de forma decisiva do comportamento da multinacional estadounidense do aluminio Alcoa, cunha factoría emprazada no concello mariñao de Cervo. Actualmente, a planta atópase formalmente inmersa nun proceso de venda, mais existen dúbidas entre a representación sindical da empresa sobre as intencións reais da compañía.    

Comentarios