O BNG reclama no Congreso máis frecuencias ferroviarias para a Galiza

Néstor Rego demanda máis prazas e repor 6 lanzadeiras.
O deputado e portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, hoxe, en rolda de prensa. (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press)
photo_camera O deputado e portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, nunha rolda de prensa. (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press)

O BNG rexistrará novas iniciativas para reclamar ao Goberno do Estado que aumente as frecuencias ferroviarias no Eixo Atlántico. "Ante a negativa de Renfe a ofrecer máis servizos nas liñas galegas e ante a alta demanda que posúen", sinalou o deputado nacionalista Néstor Rego, levará a debate e votación unha proposición non de lei para exixir a rectificación do Executivo estatal e apostar, “de forma decidida”, polo ferrocarril na Galiza. Neste sentido, Rego lembra que é moi habitual que non haxa billetes dispoñíbeis en toda unha xornada, o que demostra a necesidade de aumentar as prazas e as frecuencias entre A Coruña e Vigo.

A organización nacionalista volve denunciar o problema estrutural existente no transporte por ferrocarril no Eixo Atlántico ante a falta de prazas "tras a negativa de Renfe de repor as seis lanzadeiras existentes antes da pandemia entre Vigo e Pontevedra e, sobre todo, aumentar prazas e frecuencias". 

"Masificados"

A resposta do Ministerio de Transportes á preguntas do BNG evidencia, para o deputado nacionalista, un "desinterese" por parte do Executivo para ofrecer un servizo ferroviario de calidade na Galiza, que atenda debidamente a alta demanda que existe. “É unha reclamación non só do BNG senón das persoas usuarias, das plataformas e asociacións que empregan o ferrocarril de forma habitual.

O Goberno español é perfectamente coñecedor de que os servizos ferroviarios na Galiza están masificados e precisan de máis prazas e máis frecuencias debido á alta demanda existente” reivindicou o deputado do BNG no Congreso.

A debate: máis frecuencias e máis prazas

No concreto, o BNG anuncia que levará a debate e votación na Cámara baixa española unha iniciativa onde a súa parte resolutiva insta o Goberno a “aumentar prazas e frecuencias, realizando unha planificación dos servizos ferroviarios do Eixo Atlántico e dos servizos de Media Distancia que atenda a elevada demanda existente, que permita a cohesión territorial e social da Galiza e que facilite a mobilidade diaria dos galegos e galegas”.

É preciso aprobar unha Programación ferroviaria do Eixo Atlántico e servizos MD que contemple o incremento das frecuencias e o aumento das praza atendendo a demanda existente de uso do ferrocarril, explica o representante do BNg no Congreso

“Levar a cabo unha reorganización dos horarios da conexión Vigo-A Coruña, reforzando os servizos nas franxas de maior demanda: primeira hora da mañá, mediodía e tarde noite e recuperar os seis servizos ferroviarios que existían antes da pandemia entre Vigo-Guixar e Pontevedra” entre os puntos asinados polo BNG.

Comentarios