Veto do PP a unha proposta para conciliar a vida laboral e familiar na frota galega

Unanimidade no Parlamento a prol dun plan de recuperación marisqueira na ría de Arousa.
Comisión de Pesca Parlamento
photo_camera Imaxe da reunión esta terza feira da Comisión de Pesca (Foto: Parlamento da Galiza)

Catro proposicións non de lei (PNL) foron obxecto de debate e votación esta terza feira na comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento galego, e tres delas foron aprobadas por unanimidade, sendo impulsadas cada unha delas por un grupo parlamentario distinto, PP, BNG e PSdeG. Mais unha cuarta iniciativa, defendida polo grupo nacionalista, non saíu adiante ao se opor á mesma o Partido Popular, que fixo valer a súa maioría absoluta e deixou sen valor os votos do BNG e PSdeG.

Esta proposta pedía a modificación do Decreto 15/2011, relativo á regulación das artes de pesca en augas de competencia autonómica, co obxectivo de facilitar a conciliación da vida laboral e familiar dos mariñeiros, en concreto, da frota do trasmallo diúrno.

A deputada nacionalista Rosana Pérez defendeu a necesidade de modificar o decreto incidindo en que é unha demanda "expresada polo propio sector e  pedida por confrarías". Trataríase, explicou, de introducir unha serie de cambios en horarios de calamento deste tipo de redes, similar aos feitos para a frota que traballa a arte do miño, e permitir así que os mariñeiros do trasmallo poidan compatibilizar o seu labor "co descanso semanal", ao tempo que a media, asegurou Rosana Pérez, redundan "no beneficio, no benestar e na seguridade daqueles que empregan a arte do trasmallo". Pérez, ademais, lembrou que en 2016 a propia conselleira do Mar daquela, Rosa Quintana, recoñecía a necesidade de introducir "modificacións" na norma de 2011 por ser esta "ríxidfa" de máis.. 

Pola súa parte, Carlos Font (PSdeG), defendeu que a norma debía "ser adaptada á realidade", nomeadamente "se vén esa mudanza ademais solicitada  polo propio sector", de aí que considerase "incomprensíbel" que a Consellaría non "atenda" estas demandas. Polo Partido Popular interveu Dolores Hermelo, que  puxo en dúbida que esta demanda defendida polo nacionalismo conte co apoio do conxunto do sector do mar e criticou que non se concretase que confrarías apoiaban desenvolver esta mudanza.  

Cetáceos

A sesión desta terza na Comisión de Pesca e Marisqueo comezou, porén, co debate de dúas proposicións non de lei que lograron  o apoio dos tres grupos parlamentarios. Unha unanimidade que tamén se daría na última iniciativa trataba neste órgano. A primeira unanimidade foi na demanda do PP dunha normativa que faga posíbel a "compatibilidade" entre a protección dos cetáceos e a actividade pesqueira.

"O Parlamento insta á Xunta da Galiza a se dirixir ao Goberno de España para que defenda ante a Comisión Europea a posta en marcha dunha normativa de protección dos cetáceos que sexa compatíbel coa práctica pesqueira, equilibrando riscos e afectacións e integrando aquelas medidas de disuasión de interacción que eviten a paralización da frota pesqueira", recolle a proposta que contou co apoio dos tres grupos.

A segunda unanimidade foi na  pnl presentada polo PSdeG sobre a caída da produción marisqueira na ría de Arousa. Unha unanimidade que se deu para demandar que se faga un estudio "en profundidade" sobre esa mortaldade e para elaborar un plan de recuperación marisqueira. Por último, a petición do BNG de colaboración entre as Administracións para atopar "unha solución técnica ao problema da acumulación de area na praia de Laxe" tamén sumou o apoio dos tres grupos.

Comentarios