A PDRA denuncia a "contraprogramación" da Xunta para "interferir" na presentación da ILP en defensa da pesca e o marisqueo

"Parécenos un caso claro de contra contraprogramación institucional que atenta contra os nosos dereitos cidadáns e fala das malas prácticas da Xunta da Galiza que quere interferir nun proceso legal e democrático de participación cidadá no labor lexislativo", conclúe Xaquín Rubido.
Embarcacións de marisqueo en augas da Illa de Arousa (Foto: Nós Diario).
photo_camera Embarcacións de marisqueo en augas da Illa de Arousa (Foto: Nós Diario).

O presidente da Plataforma defensa da ría de Arousa (PDRA), Xaquín Rubido, en declaracións a Nós Diario, denunciou esta sexta feira a contraprogramación institucional por parte da Xunta da Galiza de cara ás reivindicacións do sector pesqueiro e marisqueiro.

Rubido, que tamén é representante da Comisión Promotora da ILP (iniciativa lexislativa popular) para o recoñecemento e protección das actividades pesqueiras e marisqueiras, detalla a este xornal que tiñan sinalada desde hai tempo a entrega das sinaturas da iniciativa no Parlamento da Galiza.

"Anunciamos e convocamos a todos os colectivos do mar para a entrega das sinaturas da ILP a vindeira terza feira 11 de xuño ás 11:30 horas no Parlamento da Galiza", abonda o presidente da PDRA sobre a intención dos diferentes colectivos que impulsan a iniciativa parlamentaria.

Con todo, segundo denuncia, a Xunta da Galiza programou, sabendo a convocatoria previa por partes dos colectivos da ILP, unha xuntanza co sector do mar da ría de Arousa sobre a situación no sector do mar e a planificación de novas medidas, precisamente o 11 de xuño, ás 12 horas en Vilanova de Arousa (O Salnés).

"Todo o mundo coñecía esta data"

A diferencia de media hora nunha localización totalmente diferente impide que o sector do mar poida acudir a ambas as convocatorias. "Todo o mundo coñecía esta data e cal é a nosa sorpresa que a Consellaría do Mar convoca a todos os patróns maiores da ría de Arousa a unha reunión o mesmo día as 12", sinala Rubido.

"Parécenos un caso claro de contra contraprogramación institucional que atenta contra os nosos dereitos cidadáns e fala das malas prácticas da Xunta da Galiza que quere interferir nun proceso legal e democrático de participación cidadá no labor lexislativo", conclúe o presidente da PDRA e representante da Comisión Promotora da ILP para o recoñecemento e protección das actividades pesqueiras e marisqueiras.

Comentarios