O Consello de Contas constata que a Xunta da Galiza incumpre as súas recomendacións

BNG e PSdeG critican que o Goberno faga "caso omiso" ao organismo fiscalizador.
web
photo_camera O presidente de Contas, Juan Carlos Aladro, Sanz (PP), Presas (BNG) e Espinosa (PSdeG). (Fotos: Nós Diario / Parlamento da Galiza).

A Xunta da Galiza incumpre recomendacións que o Consello de Contas fai ano tras ano nos seus informes de fiscalización sobre as contas da Administración galega ou do Sergas. O propio conselleiro maior, Juan Carlos Aladro, recoñecía esta terza feira na súa comparecencia no Parlamento que hai recomendacións que o Goberno galego directamente non acepta e outras que acepta, "mais non aplica". 

Na toma de posesión de Juan Carlos Aladro como novo conselleiro maior do Consello de Contas, en agosto de 2023, o presidente galego afirmaba que "a Xunta sempre ten en conta o que lle di un órgano tan importante como o Consello de Contas".

Mais esta terza feira, na comparecencia de Aladro na comisión parlamentaria do Consello de Contas —que levaba sen convocarse desde abril de 2023—, constatouse que o dito por Alfonso Rueda non era verdade. Aladro afirmou que só no que atinxe ao informe fiscalizador da Conta Xeral da Xunta de 2021 —quer esta terza, tres anos despois, analizábase na Cámara—, das recomendacións feitas polo ente fiscalizador para que se apliquen, o Goberno galego implementou catro, aceptou cinco —que non se aplicaron—e catro foron rexeitadas expresamente.

Para a oposición estamos ante un exemplo claro de que o Goberno galego non ten intención de atender as propostas do órgano fiscalizador. "O Goberno galego non fai os deberes e non corrixe o que se lle sinala desde Contas. Son recomendacións recorrentes e que non cumpre en cu4stións como falta de transparencia ou abuso de determinadas formas de contratación", manifestou Noa Presas (BNG).

"Non cumpre nin 12%"

Elena Espinosa (PSdG) foi máis alá e afirmou que a Xunta "non cumpre nin 12% das recomendacións do Consello de Contas, moitas delas recorrentes, que son presentadas de forma reiterada".

Para ambas as dúas deputadas, o Goberno galego fai "caso omiso" ao ente fiscalizador, algo que tamén conclúen da tardanza en convocar a comisión parlamentaria. "Chega tarde, mal e arrastro", criticou Presas, lembrando que desde a última convocatoria acumulábanse ao redor de vinte e cinco informes remitidos polo Consello e pendentes de avaliación.

Informes tan importantes como o que que cifra as achegas da Xunta á sanidade privada en preto de 226 millóns de euros en 2022; o que concluíu que a Xunta pagou 44 millóns de euros de máis polas autovías con 'peaxe na sombra'; ou o que veu "falta de concorrencia e de publicidade" en contratos da Xunta da Galiza pola Covid-19. "Debería haber un debate racional sobre estes informes e non ter que falar de todos nunha única sesión", apuntou.

Espinosa afirmou que no Parlamento de Castela e León a comisión do Consello de Contas desa comunidade reuniuse en 9 ocasións no que vai de 2024, "e aquí pasaron 484 días desde a última comisión de Contas, porque o traballo deste órgano fiscalizador non lle gusta ao PP”.

Cristina Sanz (PP), pola súa parte, atribuíu esta tardanza en convocar a comisión a que foi un período con convocatoria electoral e dixo que os informes de fiscalización de Contas tamén teñen críticas para institucións gobernadas polo BNG e PSdeG.

Comentarios