O Eixo Atlántico desmárcase do manifesto da Xunta sobre o tren Vigo-Porto: "É un sarao propagandístico"

A institución carga duramente contra o Goberno galego por intentar "posicionarse para reivindicar como propio un éxito e uns resultados xa garantidos e que son patrimonio de todos os colectivos, entre os que non se atopaba a Xunta, que os defenderon".
O secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao. (Foto: Nós Diario)

O Eixo Atlántico rexeita o convite da Xunta da Galiza para adherirse ao manifesto 'Conexión Galicia-Portugal de alta velocidade: unha prioridade evidente', que esta institución cualifica de "acto propagandístico" do Goberno galego, polo que opta por desmarcarse "totalmente" do texto. Nun comunicado remitido esta terza feira aos medios, salienta que a conexión ferroviaria entre Galiza e Lisboa está "plenamente garantida", xa que o Goberno de Portugal "está a cumprir todos os trámites no calendario previsto e mesmo analiza a posibilidade de adiantar os tempos na conexión Braga–Aeroporto Francisco Sá Carneiro", por onde transcorrerá a nova liña.

E por parte do Estado español, lembran, o Goberno de Pedro Sánchez xa desbloqueou o saída sur de Vigo e o primeiro tramo, Vigo-O Porriño, está en fase de elaboración do estudo informativo previo. Na actualidade, aliás, Moncloa está a adiantar os trámites do estudo informativo previo do tramo O Porriño-Fronteira con Portugal. Desde o Eixo Atlántico esperan tamén que os trámites da nova ponte sobre o Miño saian da Cimeira Ibérica prevista para este outono.

Por tanto, consideran "innecesario" tanto o manifesto como o que o secretario xeral do Eixo, Xoán Vázquez Mao, define como "sarao propagandístico sen ningún efecto práctico" e, sobre todo, "sen ningunha necesidade". "Se a Xunta da Galiza realmente quere apostar pola liña Ferrol–Lisboa, tal e como acordaron Alfonso Rueda e Abel Caballero, ao que queremos agradecer [ao alcalde de Vigo] as súas xestións co Goberno de España na reunión do pasado 25 de xuño, o que debe facer é convocar todos os actores sociais, económicos e institucionais a unha reunión previa para acordar a estratexia, o contido do comunicado e as decisións, no canto de convidalos a adherirse a un manifesto insubstancial e a un acto á maior gloria do presidente da Xunta no que ás institucións e a sociedade civil se lles reserva o mero papel de aplaudidores", censuran.

A Xunta, din desde o Eixo Atlántico, "nunca apoiou a proposta desta conexión ferroviaria proposta ao Goberno de Portugal hai seis anos". Así mesmo, acusan a anterior conselleira do ramo, Ethel Vázquez, de "contraprogramar" os traballos e reunións que o Eixo Atlántico promovía xunto cos colectivos sociais e económicos. Tamén inciden en que "a última vez" que a Xunta se implicou na conexión ferroviaria co Norte de Portugal "foi na etapa de Agustín Hernández" como conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, "cando participaba nas reunións que contribuíron decisivamente a salvar a liña do Miño cando Renfe e Comboios de Portugal querían fechala e ás reunións polo problema de pago das SCUT —peaxes das autovías en Portugal—". "Isto ocorreu hai dez anos", engaden.

Entende a institución que a "única finalidade" deste acto da Xunta é "posicionarse para reivindicar como propio un éxito e uns resultados xa garantidos e que son patrimonio de todos os colectivos —entre os que non se atopaba a Xunta— que, durante anos, os defendemos". "Chama poderosamente a atención que este manifesto chegue tras o cambio de Goberno de Portugal e non se fixese cando António Costa impulsou e concretou esta conexión ferroviaria", sosteñen.

O secretario xeral do Eixo lamenta igualmente que a denominación que use a Xunta sexa 'A Coruña-Lisboa', xa que a oficial, pola parte española, é 'Ferrol–Fronteira portuguesa'. Por tanto, cren que debería denominarse 'Ferrol-Lisboa', "xa que, de non ser así, significaría aceptar a marxinación ferroviaria de Ferrol", advirten.

"Este manifesto e este acto buscan desviar a atención e enmascarar a inacción da Xunta naquelas infraestruturas da súa competencia e nas que non se fixo nada na última década, como a mellora da estrada entre O Barco de Valdeorras-A Gudiña, que facilitaría o acceso da comarca de Valdeorras á liña de alta velocidade; o Porto Seco de Monforte, fundamental para o desenvolvemento do Corredor do Atlántico ferroviario, ou o Plan de proximidade Ferroviarias da Galiza, cuxas competencias serán transferidas en breve e sobre o que non hai estratexia que se coñeza nin parece que haxa interese en facela", proseguen.

Vázquez Mao conclúe trasladando o seu "recoñecemento" ao antigo Goberno portugués liderado por Costa, "que impulsou definitivamente esta conexión", mais tamén ao actual de Luís Montenegro, "por asumir o compromiso do goberno anterior e continuar impulsando a liña". Igualmente, agradece a implicación do Goberno español "por desbloquear o saída sur de Vigo".

Comentarios