ANÁLISE | O paro cae a 117.938 persoas empurrado polas contratacións da tempada estival

As contratacións ligadas á tempada estival volven tirar un ano máis do emprego nos meses de verán. Neste sentido, o 74% dos novos empregos xeráronse no sector servizos e o 75,6% das afiliacións á Seguridade Social teñen carácter temporal. Así, o número de persoas paradas en xuño fica en 117.938, 4.098 menos que no mes anterior.

Peregrinos
photo_camera Peregrinos baixando na terza feira pola rúa compostelá de San Pedro. (Foto: Europa Press).

As afiliacións á Seguridade Social no mes de xuño alcanzaron 1.084.869 persoas. Segundo as cifras achegadas polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, o número de altas na Seguridade Social incrementou no último mes na Galiza en 7.579 novos adherentes, o que representa unha alza nese período de 0,7%. A este respecto, os datos coñecidos no día  apuntan que o 75,6% dos novos contratos son de carácter temporal.

A lóxica económica característica dos meses de verán explica a alza de emprego. Nesta liña, as actividades asociadas ao turismo son as que condicionan as contratacións, correspóndense o 74% das novas altas na Seguridade Social co sector servizos. Nesta liña, o 36,2% dos novos empregos danse na hostalaría, o 25,9% corresponden ao comercio e o 17,2%, no sector público, como consecuencia das ocupacións características da tempada estival.

O número de persoas paradas inscritas no Servizo Público de Emprego en xuño baixou a 117.938, tras reducirse nese mes a cifra de demandantes de emprego en 4.098 persoas. Ao tempo, 48.887 homes e 69.051 mulleres atópanse en situación de desemprego, o que evidencia, máis unha vez, a fenda de xénero a nivel laboral. Na mesma de orientación, a taxa de parados é maior na poboación menor de 25 anos, que suma 4.366 persoas non ocupadas.

Satisfacción da Xunta

O Goberno galego valorou positivamente as cifras de ocupación de xuño. Nesta liña, o conselleiro de Emprego José González, considerou que “o paro diminuíu na evolución anual e mensual en todos os sectores de actividade e entre as mulleres, as persoas menores de 30 anos e as paradas de longa duración”. Asemade, asegurou que " o noso obxectivo é que as persoas que buscan activamente un emprego poidan conseguilo canto antes, para ter ese posto de traballo e cubrir tamén esa falta de man de obra que nos trasladan as empresas".

O efecto dos servizos

A Confederación Intersindical Galega (CIG) denunciou o “aumento da inestabilidade e da precariedade no mercado laboral”. A este respecto, o secretario de Negociación Colectiva, Emprego e Industria da CIG, Francisco Sío, lamentou que “unha vez máis o sector servizos concentre a creación de postos de traballo, o que demostra que o Camiño de Santiago é o único motor do emprego na Galiza, sobre todo nos meses de verán, maquillando a terríbel situación na que se atopan a industria galega e os sectores produtivos do país”. Nesta dirección, Sío reclamou “a derrogación da reforma laboral” .

O emprego medra menos na Galiza

Comisións Obreiras denunciou o "peor comportamento" do emprego na Galiza en comparación co do Estado español. Nesta dirección, a súa secretaria de Emprego, Maica Bouza, indicou que “o ritmo de creación de emprego é moito máis baixo na Galiza que no Estado” e criticou que “un mes máis temos que destacar o menor compromiso do sector empresarial galego co emprego de calidade, pois mentres que na Galiza só 30 de cada 100 contratos son indefinidos, a porcentaxe elévase ao 41 % na media estatal”. A este respecto, demandou á Xunta da Galiza políticas para mudar a estrutura produtiva do país.

A temporalidade

A Unión Xeral de Traballadores (UXT) apostou por reducir a temporalidade na contratación. Nesta orientación, o seu secretario de organización, José Luis Fernández Celis, apuntou “que aínda hai espazo de mellora para seguir avanzando na estabilidade do emprego. Por unha banda, aínda hai marxe para que os contratos temporais se reduzan. Por outra, pódese mellorar tamén a propia calidade dos contratos indefinidos, perfeccionando algunhas características e usos do contrato fixo descontinuo e ampliando a protección fronte ao despedimento para que se adecúe aos criterios da Carta Social Europea Revisada”.

Comentarios