Parlamento

Cantos centos de millóns deixou a Xunta sen investir para políticas de emprego?

O conselleiro afirma que o importante é o orzamento investido.
O conselleiro de Medio Rural, José González, no Parlamento. (Foto: Conchi Paz)
photo_camera O conselleiro de Emprego, José González, no Parlamento. (Foto: Conchi Paz)

Máis de mil millóns de euros sen investir pola Consellaría de Emprego na última Lexislatura en partidas como formación ou políticas activas de emprego. Esta é a denuncia que BNG e PSdeG coincidiron en lle facer esta terza feira ao novo conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, que comparecía na Cámara para dar conta das liñas xerais que seguirá o seu departamento estes catro anos.  

A Consellaría de Emprego deixou sen executar centos de millóns de euros. 650 millóns entre 2019 e 2023 en formación e emprego, segundo Ramón Fernández Afonzo (BNG) e 409 millóns nese mesmo período en políticas de emprego, segundo Carme Rodríguez (PSdeG). A deputada socialista foi máis aló e cifrou o diñeiro sen gastar por este departamento entre 2009 e 2023 en 2.144 millóns, " o que equivale a 35% do crédito aprobado" neses anos.

Estas cantidades foron ofrecidas por nacionalistas e socialistas durante a comparecencia do conselleiro de Emprego, José González, que reprochou á oposición "o manido tema de vir aquí con datos de falta de execución". Lonxe de puntualizalas, corrixilas ou desmentilas, o novo titular da Consellaría —da que tomou o mando procedente de Medio Rural na remuda do Goberno galego após as eleccións do 18 de febreiro— afirmou ser "máis amigo de mirar na eficacia do investido e non do que non se investiu". Botoulle un capote neste punto ao conselleiro o representante de Democracia Ourensá, Armando Oxea, que apuntou a que quizais ese diñeiro non se executou "porque non facía falta".

40 medias e 35 minutos

González centrou a súa intervención en citar os "tres retos" que afirmou asumir como conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración para esta lexislatura. O primeiro, unha Galiza con "emprego de calidade" e "crecemento intelixente"; a segunda, garantir a "competitividade" do tecido comercial e, por último, afondar nas políticas de "retorno de emigrantes". 

En 35 minutos de intervención no Parlamento galego, enumerou 40 medidas de distinto tipo para cumprir con eses "retos", como usar a intelixencia artificial para cubrir vacantes laborais ou unha nova edición do Bono Comercio para o outono. Porén, o conselleiro non logrou convencer a oposición. BNG e PSdeG coincidiron en sinalar o "rutineiro" do seu programa a respecto de anteriores lexislaturas.

Para Fernández Afonzo "non empeza" ben o conselleiro, ao que responsabilizou de "torturar as estatísticas" para que "digan o que lle interesa". O nacionalista denunciou a precariedade laboral e cifrou en 9.500 os comercios de proximidade fechados "desde que goberna o PP". 

"Zona saturada" de áreas comerciais

Propuxo o deputado nacionalista declara Galiza "zona saturada" de grandes centros comerciais e botou en falta que o conselleiro non fixese referencia á sinistralidade laboral cando a Galiza presenta peores rexistros que a media do Estado.

Pola súa parte, a socialista Carme Rodríguez incidiu en que na Galiza hai actualmente 43.000 persoas que son desempregadas de longa duración —levan máis de un ano rexistradas no paro— e en que nos últimos anos intensificouse a perda de emprego industrial.

Comentarios