Unión no Morrazo contra o parque eólico de Arena Power: catro Alcaldías da comarca instan a Xunta a paralizar o proxecto

Denuncian o impacto ambiental e na poboación do proxecto enerxético.
As Alcaldías e a Plataforma Eólicos no Morrazo Non compareceron conxuntamente (Foto: Nós Diario).
photo_camera As Alcaldías e a Plataforma Eólicos no Morrazo Non compareceron conxuntamente (Foto: Nós Diario).

Os alcaldes e alcaldesas de Moaña (Leticia Santos, BNG), Bueu (Félix Juncal, BNG), Vilaboa (César Poza, PSdeG) e Cangas (Araceli Xestido, BNG) compareceron esta terza feira para instar a Xunta da Galiza a rexeitar o proxecto eólico presentado por Arena Power para a comarca, ao tempo que lle piden que  "elimine" a declaración de Área de Desenvolvemento Eólico (ADE) nesta zona do sur da Galiza, "para que a nosa comarca se estabeleza como un espazo singular libre de parques eólicos". 

No Morrazo a ADE é un triángulo de 4.362 hectáreas, situada na súa dorsal granítica, equivalente á cuarta parte da superficie da comarca. "Somos unha das comarcas con maior densidade de poboación do país, con 495 habitantes por km2 e, polo tanto, a instalación destes parques eólicos afectaría toda a poboación, pois o ruídos e o efecto parpadeo esténdense nun radio de seis km desde os aeroxeradores, tendo en conta que a península do Morrazo ten sete km de anchura", denunciou onte na rolda de prensa Moncho Millán, presidente da Mancomunidade de Montes do Morrazo, en representación da Plataforma Eólicos no Morrazo Non.

"Ao afectarnos a todos este proxecto da empresa Arena Power de 15 aeroxeradores de 180 metros de altura, dúas subestacións eléctricas, dúas torres de observación e as conseguintes liñas de evacuación; a plataforma presentou moción plenaria nos cinco concellos do Morrazo, solicitando o rexeitamento deste parque eólico e doutros proxectos futuríbeis, e instando a Xunta a suprimir a ADE do Morrazo", explicou Millán. O resultado, sinalou, foi de aprobación unánime dos plenos municipais de Vilaboa, Moaña e Cangas, a aprobación por maioría no Concello de Bueu, e o de Marín rexeitou a moción pola maioría do grupo de Goberno (PP)" .

A alcaldesa de Moaña afirmou que "todos defendemos as enerxía renovábeis, pero non baixo un modelo especulativo, senón baixo un modelo de xustiza social e de verdadeiro desenvolvemento sustentábel". 

O alcalde de Vilaboa afirmou que "non sen entende como, sen estudos técnicos, un proxecto deste tipo se sitúa nun macizo de rocha granítica, que para instalarse afectaría as vivendas de varios núcleos de poboacións". 

A rexedora de Cangas considerou que os proxectos de Arena Power constitúen "un ataque inaceptábel ao noso territorio" e sinalou que hai "argumentos xurídicos e capacidade social para enfrontar esta ameaza". 

"Este proxecto eólico sería o proxecto industrial con maiores impactos na nosa comarca", dixo o alcalde de Bueu, que o comparou coa pasteira de Altri na Ulloa.

Comentarios