VÍDEO NO INTERIOR

O grupo municipal desouve a dirección do PSdeG e permite que saia adiante a nova ordenanza das VUT de Compostela

As concelleiras e concelleiros desobedecen a dirección local do partido, que ordenara a abstención.
Momento da votación da ordenanza das VUT no pleno de Compostela. (Foto: Europa Press)
photo_camera Momento da votación da ordenanza das VUT no pleno de Compostela. (Foto: Europa Press)

Sorpresa maiúscula no pleno desta segunda feira do Concello de Santiago de Compostela. O PSdeG, que avanzara xa na sexta feira que se abstería na votación da nova regulación das vivendas turísticas que hoxe presenta o Goberno local, mudou a última hora a súa posición e anunciou, en boca da concelleira Mercedes Rosón, que finalmente si apoiará o texto.

"Sempre puxemos por diante os intereses xerais da cidade. Fomos pioneiros cando ninguén máis se atrevía a facelo. Santiago pasou de máis de 900 VUT no ano 2022 ás perto de 500 que hai a día de hoxe. Recuperamos vivendas para o aluguer tradicional; ao final, o tempo está a darnos a razón", sinalou Rosón, na súa intervención.

A edil do PSdeG lamentou a falta de apoio "de aqueles que din gobernar Galiza", en alusión ao Goberno de Alfonso Rueda, que hoxe "segue a inscribir vivendas turísticas sen comprobar se teñen licenza municipal". Tamén cargou contra a alcaldesa, Goretti Sanmartín, polas "promesas ás afectadas" pola regulación das VUT. "Non sabemos que lles prometeu, podémosllo preguntar", dixo.

O grupo municipal socialista fixo unha "profunda reflexión" desde a pasada sexta feira sobre como debían actuar neste pleno en relación á ordenanza. "Non negamos que sexa unha situación difícil, que o é, pero temos claro que a responsabilidade de gobernar é infinitamente superior ás sinxelas promesas para contentar a todo o mundo", engadiu Rosón.

O grupo municipal do PSdeG desobedece a dirección local do partido

A concelleira afirmou que absterse sería, na práctica, "o mesmo" que votar en contra. "Por tanto, como é posíbel non apoiar un texto que, aínda sendo un trámite administrativo, é en esencia unha medida socialista? Caeriamos de inmediato no mesmo do que acusamos á señora Sanmartín, por tacticismo, por propinar unha derrota a este Goberno, o PSOE votaría en contra do seu propio proxecto", cuestionou, cun discurso radicalmente oposto ao defendido nos últimos días polo secretario xeral dos socialistas composteláns, Aitor Bouza, que supón na práctica desobedecer o seu ditame.

A alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, e a súa tenente de alcaldesa, María Rozas, agradeceron as palabras de Rosón. Así, a primeira sinalou “a importancia do paso para garantir o acceso á vivenda” e a segunda destacou que “levamos 10 anos reclamando a regulación do turismo”. Pola súa banda, o voceiro popular Borja Verea cargou contra Sanmartín acusandoa de “estar sentada grazas a  unha mentira, amosouse como unha impostora e só agardado que teña os dias contados”.

Finalmente, a ordenanza saíu adiante grazas aos votos favorábeis das dúas formacións que integran o Executivo local, BNG e Compostela Aberta, e mais do grupo do PSdeG, sumando así 14 'si'. Pola contra, os once concelleiros e concelleiras do PP mantiveron a súa oposición ao texto.

A ordenanza

A ordenanza complementaria sobre usos turísticos permite o aluguer turístico da vivenda por tempo limitado, cun máximo de 60 días ao ano e sempre que sexa tamén o lugar de residencia habitual dunha persoa física, entendido como lugar no que reside a persoa durante un período superior a 183 días ao ano, e tamén o aluguer turístico de determinados cuartos ou estancias na propia vivenda habitual.

O documento recolle a documentación que deberá achegarse coa comunicación previa, entre a que se inclúe unha memoria técnica e unha certificación de que os usos turísticos da vivenda son compatíbeis cos estatutos da comunidade veciñal, para solicitar ese uso turístico temporal durante 60 días ou menos por ano. Nesta dirección, só regula o procedemento de comunicación de usos asimilados ao de vivenda e en ningún caso entra a regular ou regularizar usos preexistentes aos estabelecidos na planificación vixente.

Comentarios