O alcalde de Ames carga contra a dirección do PSOE compostelán: "A política real non é 'ordeno e mando'"

Blas García celebra a "valentía e responsabilidade" dos seis concelleiros e concelleiras do PSdeG de Compostela que desouviron o seu secretario xeral e apoiaron a nova ordenanza dos pisos turísticos.
O alcalde de Ames, Blas García. (Foto: Concello de Ames)
photo_camera O alcalde de Ames, Blas García. (Foto: Concello de Ames)

O alcalde de Ames, o socialista Blas García, puxo en valor esta segunda feira a "valentía" e a "responsabilidade" que, ao seu xuízo, mostraron os seis concelleiros e concelleiras do PSOE de Compostela ao non impedir, votando a favor, que se aprobase a nova ordenanza das vivendas turísticas que levou ao pleno o Goberno local.

Unha decisión contraria á doutrina fixada pola dirección local do partido que García celebrou pondo por diante "o diálogo" fronte ao "ordeno e mando". "Esta tarde os compañeiros e compañeiras do grupo municipal de Santiago mostraron a súa valentía, pero sobre todo a súa responsabilidade e o sentido común votando a favor dunha política de vivenda que xa defenderan cando foron Goberno", sostivo, nunha mensaxe publicada no seu perfil da rede social X.

O rexedor do concello veciño de Ames subliña que a "política real, a de verdade", ten que facerse "desde o consenso, o diálogo e a responsabilidade", e "non desde o ordeno e mando con cartas e vídeos", en clara alusión ás numerosas mensaxes do secretario xeral dos socialistas composteláns, Aitor Bouza, nos últimos días defendendo a abstención.

"Que difícil é entender que na política hai que ser responsábel e que non é un xogo de 'quítate ti para poñerme eu'!", asegura o alcalde, en referencia ao conflito aberto no PSOE de Compostela despois de que os seis edís desacatasen a orde da dirección local de absterse no voto desta ordenanza.

Co apoio dos concelleiros e concelleiras socialistas, que agora se expoñen a posíbeis medidas disciplinarias do partido, a medida saíu adiante, pois como resulta evidente as dúas forzas que integran o Goberno, BNG e Compostela Aberta, elevaron até 14 os votos favorábeis a unha medida que só rexeitaron as once representantes do PP.

Comentarios