Malestar na 'Flotilla da Liberdade' coa Presidencia do Parlamento por negarse a unha recepción pública

A delegación solidaria vai ser recibida institucionalmente durante a súa estancia na Galiza en Concellos como Compostela e Oleiros, na Deputación da Coruña e a Universidade coruñesa.

Galiza escolle o 12-X as 75 deputadas e deputados do Parlamento galego (Imaxe: Nós Diario)
photo_camera Fachada do Parlamento galego (Imaxe: Nós Diario)

“Decepción”, “sensación amarga” ou “desgusto”. Así resumen desde o Comité galego de benvida á ‘Flotilla da Liberdade’ as opinións que se lles transmitiu por parte desta delegación de solidariedade con Palestina sobre a reunión mantida coa Presidencia do Parlamento galego. O motivo, indica a organización, a negativa por parte do presidente, Miguel Santalices, a que se tomasen imaxes da xuntanza e que esta tivese carácter público, limitándoa finalmente a un encontro privado. Para os integrantes da ‘Flotilla’, iso deixaba en auga de castañas os compromisos expresados por Santalices no transcurso do encontro sobre as decisións adoptadas na Cámara en apoio a Palestina.

"Parece que non quería que ficase constancia de que a 'Flotilla' estivera no Parlamento", indica outra fonte, apuntando a que mesmo se lles limitou o poder facer fotografías nas instalacións da Cámara, só podendo realizalas nas dependnecias do BNG (ao ser recibida a delegación polo grupo parlamentario nacionalista)

Indican que a reunión mantida co presidente e membros das Mesa do Parlamento en todo momento transcorreu con normalidade e con Santalices actuando como “presidente do Parlamento, non a título persoal”, afirman. Mais, segundo esta versión, foi cando se propuxo sacar imaxes do encontro cando o presidente se tería negando, apelando a que non podía facer tal como presidente da Cámara galega. “Aos membros da ‘Flotilla’ sorprendeunos e, loxicamente, non lles pareceu ben”, indican desde a organización.

Con quen si mantivo un encontro esta delegación foi co grupo parlamentario do BNG, cunha comparecencia posterior para reclamar "medidas reais" para acabar co masacre na faixa de Gaza..  Xa pola tarde a delegación do Handala asiste a unha recepción no Concello de Santiago de Compostela pola alcaldesa, Goretti Sanmartín, e representantes da Corporación municipal.

Ao rematar a xornada en Compostela, esta delegación puxo rumbo a Oleiros onde está confirmada a recepción polo alcalde, Angel García Seoane, e representantes da Corporación Municipal.  Posteriormente, haberá unha charla coloquio con representantes da tripulación e una Gala poética artística coa colaboración , entre outros, de Candido Pazó e o cantautor Félix Arias.

Na xornada do día 29 a delegación estará na cidade da Coruña cunha axenda de visitas institucionais (Deputación e Universidade) e na tarde do sábado unha Gala artística solidaria organizada por Pallasos en Rebeldía. Este día subirán a bordo do buque o ex deputado nacionalista Bieito Lobeira e o fotógrafo Juan Teixeira, para facer parte da navegación coa ‘Flotilla’.

O día 30 o buque continuará rumbo a Gaza con paradas nos portos de Cascais e Málaga para continuar a súa ruta polo Mediterráneo e prevista a súa chegada ás costas de Gaza en Agosto.

Comentarios