Entrevista

Bieito Lobeira: "Palestina sabe que aquí somos un pobo moi solidario e internacionalista"

A 'Flotilla da Liberdade' pon hoxe rumbo a Cascais (Portugal) nunha viaxe marcada polas incertezas e as presións políticas.
Bieito Lobeira, ex deputado no Parlamento galego e integrante da 'Flotilla da Liberdade'. (Foto: Xan Carballa)
photo_camera Bieito Lobeira, ex deputado no Parlamento galego e integrante da 'Flotilla da Liberdade'. (Foto: Xan Carballa)

-Que o motivou a embarcarse na ‘Flotilla da Liberdade’?
Unha causa tan nobre e xusta e solidaria cun pobo como o palestino que está sendo exterminado. Si que ten un toque de aventura, pero fundamentalmente as razóns son de tipo humano e político. As primeiras, porque permanecer impasíbel ante unha situación como a actual, a equidistancia non é viábel, ninguén pode situarse á marxe. E as segundas, porque eu, como nacionalista, asumo o problema político de fondo que padece o pobo palestino, e eu defendo o dereito de autodeterminación, para o meu país e para palestina, pois teñen un dereito inalienable que asiste a todos os pobos da terra a ser libres.

-Hoxe, domingo 30 de xuño, a ‘Flotilla da Liberdade’ abandona a Galiza para pór rumbo a Cascais. Está encarando o barco problemas para entrar nalgúns portos?
Si, problemas aparentemente burocráticos. Efectivamente saímos rumbo Cascais, pero a estas alturas non está confirmada esa opción, polo que cabe a posibilidade de que pasemos o estreito de Xibraltar até Vélez-Málaga.

Por exemplo, aquí na Coruña houbo un problema moi serio, pois estivo varias horas fondeada por non recibir a ‘Flotilla’ o permiso para atracar, facéndoo finalmente logo dunha xestión política no porto de Oza. Esta situación xa se dera en Santander e outros portos europeos, non sabemos se por presións directas de Israel, cousa que non desbotamos, ou por presións políticas de xente pro sionista que non simpatiza coa ‘Flotilla’.

-Conseguirán chegar até Gaza?
Esta ‘Flotilla’ ten detrás unha historia terríbel, con mortos en 2010 logo dun asalto por parte dos israelís, ataques e situacións de violencia que se repetiron en anos posteriores. Así que non sabemos que é o que pode pasar, o único seguro é que enfronte hai un estado terrorista que está disposto a usar calquera vía para impoñer o seu criterio de terror.

Con todo, algo hai que facer, porque o problema palestino é un problema do conxunto da humanidade, e a ‘Flotilla’ supón unha chamada de atención para os estados, pois o israelí non actuaría así se estivese illado internacionalmente. Compre cesar as relacións de todo tipo co Estado de Israel, que subsiste en boa parte porque ten apoio internacional e, nomeadamente, da UE e dos Estados Unidos, que exercen un papel lamentábel e colaboracionista.

-Que lectura fai da recente recepción que fixeron cargos institucionais galegos aos membros da ‘Flotilla’?
Eu estiven en varias desas recepcións e, en xeral hai un bo sabor de boca en relación á solidariedade do pobo galego. Este é un dos sitios de Europa que se ten mobilizado máis e de forma mais recorrente e masiva en apoio do pobo palestino. O apoio do pobo galego é absoluto. Logo, a nivel institucional, depende da correlación de forzas. Na Deputación da Coruña os palestinos ficaron moi contentos, pero alí só estiveron a vicepresidenta e deputada no BNG. No Parlamento galego, polo contrario, foi todo surrealista e patético, onde un presidente e señor do PP [Santalices] que di que ten amigos palestinos pero que non se quere facer unha foto ao lado desta xente, que ten moitas presións e que non está disposto a mover un dedo.

O que hai, ao final, é un retrato do panorama político. Eu recoñezo que non son neutral nin imparcial, pero nesta visita obsérvase que o PP ten moi clara a súa posición de non apoio, e supoñemos que por presións da embaixada de Israel. Curiosamente, o PSOE tampouco está aí, pese a non manifestar a súa oposición a esta viaxe, mais o certo é que non apareceron nin no Concello da Coruña, onde teñen a alcaldía, nin na Deputación nin no Parlamente Galego. Este é o panorama que temos, pero por enriba de todo prevalece o apoio popular que eles perciben, saben que aquí somos un pobo moi solidario e internacionalista.

Comentarios