O Supremo incumpre a lei de amnistía e mantén a orde de arresto a Puigdemont

Suspendida a orde de detención contra a secretaria xeral de ERC.

Jordi Turull, secretario xeral de Junts, a segunda feira. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)
photo_camera Jordi Turull, secretario xeral de Junts, a segunda feira. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)

O maxistrado Pablo Llarena e a Sala do Penal do Tribunal Supremo español rexeitaron a segunda feira aplicar a lei de amnistía aos delitos de malversación, o que afecta directamente ao ex presidente catalán e candidato de Junts, Carles Puigdemont, ao ex líder de Esquerra Republicana de Catalunya (ERC), Oriol Junqueras, e ás ex conselleiras Dolors Bassa, Raül Romeva, Jordi Turull, Antoni Comín e Lluís Puig.

Mentres que no caso dos exiliados Puigdemont, Comín e Puig implica que as ordes de detención contra eles se manteñen, para o resto a decisión impide a fin da inhabilitación á que foron sentenciados como parte da condena por desenvolver un referendo de autodeterminación en Catalunya.

A maxistratura xustificou a súa negativa a aplicar a lei de amnistía aducindo que estas persoas cometeron malversación para enriquecerse persoalmente, unha das exclusións que inclúe a norma.

Ao respecto do outro motivo que deixaría sen efecto a medida de graza, que os delitos afectaran os intereses financeiros da Unión Europea (UE), esgrimiu que a independencia de Catalunya causaría danos económicos ao bloque comunitario.

Pola contra, si quedou sen efecto a orde de arresto contra a secretaria xeral de ERC, Marta Rovira, ao só estar procesada por desobediencia.

Consideracións "soprendentes e innecesarias"

No contexto da tentativa da Xustiza española, copada polos conservadores, de evitar a aplicación da amnistía, o Supremo emitiu un auto no que critica a lexislación, ao que contestou o PSOE cualificando de “sorprendentes e innecesarias” as “consideracións políticas” do Supremo, lembrando que a propia lei de amnistía imposibilita que a maxistratura poida non aplicala.

Comentarios