Un home morreu na tarde desta cuarta feira en Ribadumia (O Salnés) ao caerlle encima unha das viguetas dunha viña mentres conducía un tractor. Os bombeiros ocupáronse de facilitar a liberación do home, do que os profesionais médicos só puideron confirmar o seu falecemento.
Ocorreu na rúa Revolta, parroquia de Besomaño, pouco despois das 18 horas. Era un veciño quen chamaba ao 112 para alertar de que o implicado chocara co vehículo contra unha columna e que isto provocara que a viga se caese, aínda que varias persoas xa a conseguían retirar.
Con estes datos, a central de emerxencia solicitou a intervención da Garda Civil, dos bombeiros do Salnés, de Protección Civil e de Urxencias Sanitarias-061, que desprazou até o punto a un helicóptero medicalizado.
Falece un motorista
Un motorista faleceu no mediodía desta cuarta feira ao impactar contra un camión cando circulaba polo municipio de Carballo (Bergantiños). O sinistro produciuse ás 15.30 horas no quilómetro número 27 da estrada AC-552 ao seu paso pola parroquia de Bértoa, segundo trasladou o 112.
Tras recibir o aviso do condutor do camión implicado no accidente, a central de emerxencias activou un dispositivo de emerxencia no que participaron a Garda Civil e Urxencias Sanitarias 061, que enviou á zona ao helicóptero medicalizado con base en Compostela. Con todo, os profesionais sanitarios non puideron facer nada pola vida do motorista, falecido no lugar do sinistro.