A Cátedra Institucional Rosalía de Castro iniciou esta sexta feira a súa andaina cun acto no Salón Nobre do Colexio de Fonseca presidido polo reitor da USC, Antonio López, no que tamén se lle concedeu Insignia de Ouro desta institución á profesora emérita da Universidade de Londres Catherine Davies.
A Cátedra dedicarase ao estudo académico e crítico da obra e da figura de Rosalía nas súas múltiples dimensións, "buscando reforzar a súa proxección e coñecemento", tanto no ámbito galego como no peninsular e no internacional, aspecto que salientou o reitor.
Xurdida como froito dun convenio co Parlamento da Galiza e a Consellaría de Cultura, Lingua e xuventude, terá como prioridade "promover achegas sobre a autora desde perspectivas e paradigmas renovadores, pero sen esquecer a atención a aspectos máis tradicionalmente filolóxicos, como o coñecemento crítico da obra e da figura da escritora en todos os seus aspectos", así como "fomentar edicións do conxunto da súa produción", sen descartar posíbeis textos inéditos de Rosalía de Castro.
Na Cátedra potenciaranse Rosalía de Castro e a súa obra como "elementos dinamizadores da concepcións máis tradicionais referidas á historia literaria, á literatura nacional, aos xéneros literarios e á relación entre escritura e territorio ou entre escritura e identidade de xénero".
Tal e como lembrou esta sexta feira o codirector da Cátedra, o profesor da USC Fernando Cabo, xa se deron os primeiros pasos coa participación en congresos e seminarios para difundir "aínda máis" a obra dunha "escritora de primeira magnitude" e de "relevancia cada vez máis innegábel", aínda que paradoxalmente "nunca puido matricularse na Universidade de Santiago" por estar prohibido para as mulleres naquela época.
Pola súa banda, o secretario xeral da Lingua, Valentín García, subliñou que a creación da Cátedra é "un momento histórico" e valorou que todo o mundo coñece Rosalía, "e cando falamos de cultura galega a primeira na que pensamos é en Rosalía".