Entrevista

Felipe Senén: "Reivindico o ser humano como célula fundamental da creatividade, que era a mensaxe da Xeración Nós"

O investigador e colaborador de ‘Nós Diario’ recibiu este domingo o Premio Freire Carril 2024, que lle foi entregado pola súa extensa traxectoria como arqueólogo e director do Museo Arqueolóxico da Coruña pola Asociación Agromadas, da parroquia ourensá de Seixalbo, que distingue cada ano ás entidades ou persoas que na Galiza desenvolven labores a favor da comunidade social e que abarca os aspectos referidos á participación na vida comunitaria, a profundar na democracia e na vida cultural galega.

Felipe Senén López (Foto: Laura Barcala).
photo_camera Felipe Senén López. (Foto: Laura Barcala).

—Recolleu este domingo o premio Freire Carril da súa edición de 2024. Feliz polo recoñecemento?
Sempre alegra que institucións de tipo popular como esta lle vixíen a un na súa ansia de dar a coñecer as cousas da nosa cultura, para defendela e promovela, como é o caso do noso patrimonio cultural.

—Este galardón ten un carácter fondamente democrático. Outórgalle iso aínda máis relevancia aos seus ollos?
Asi mesmo é, tal como o dis. Desde sempre forma parte da miña profesión o estar vinculado á historia da cultura galega, a esa ansia de divulgar tantos aspectos descoñecidos das nosas tradicións, da nosa creatividade... todo iso forma parte da cultura, e a miña mensaxe sempre vai dedicada a iso, pois ademais a cultura é un valor, un espírito e unha marca que está nun proceso de degradación, como un valor de consumo para liturxias, actos, publicacións...

Persoalmente, eu defendo que a cultura lévase posta, e estou feliz de que desde a AC Agromadas se entendera esta mensaxe tan reitierativa miña, de reivindicar o ser humano como célula fundamental da creatividade, que a fin e ao cabo era a mensaxe da Xeración Nós, a de Cuevillas, a de Risco...

—Hai apenas un par de días tivo lugar a  inauguración da exposición ‘Os vieiros de Asorey’, comisariada por Xurxo Lobato con textos seus, que tamén impartiu unha palestra titulada ‘O escultor Asorey en Lalín' no Museo Municipal Ramón María Aller o día da inauguración. Que nos pode comentar sobre esa mostra?
Esta é unha mostra itinerante moi sinxela con fotografías de Xurxo Lobato sobre Asorey, que morreu en 1961 logo de 71 anos dunha vida moi dedicada á escultura, con máis de 1.000 obras, e hai que seleccionar, aínda que todas elas leven unha marca do espírito do país, da tradición, como unha permanente que está aí, volvo a repetir, nun tempo como o noso que está nun proceso de degradación e de contaminación en todos os aspectos, padecendo feísmos que a fin e ao cabo son un efecto dunha causa que leva a que a cultura sexa un elemento para consumir.

—Aos seus 76 anos, que lle queda por facer a Felipe Senén?
Simplemente continuar (ri). A cuestión é facelo ben, e que a xente entenda o que dis, algo que unha palabra galega tan bonita resume como “ter ansia”. Nesa necesidade de servir tamén podo referenciar outra palabra moi galega e que está moi perdida, enxergar, é dicir, pór os cinco sentidos nas cousas, con sabedoría, aplicando o que aprendiches, analizando as cousas con obxectividade e compartindo de formas moi diversas, a través da palabra ou do que poidas escribir.

Comentarios