MÁIS

Coa Ribeira Sacra no padal

Máis adegas no Festival do Viño de Monforte.

MONFORTE
photo_camera Monforte durante a anterior edición da Feira do Viño da Ribeira Sacra. (Foto: Concello de Monforte)

O Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte (Terra de Lemos) encara a súa sexta edición e busca consolidarse como evento de referencia co incremento do número de adegas participantes.

Da man de bodegas emblemáticas como A Man de Prado, este 2024 serán 34 as adegas que enchan as copas de Monforte, catro máis que en 2023. O encontro vinícola decorre desde esta sexta feira ao domingo no Paseo do Malecón, onde o público asistente poderá desfrutar de viños da denominación Ribeira Sacra e aperitivos locais como o queixo negro de Buleri ou os lácteos desta paraxe.

Para entender o certame da Ribeira Sacra hai que ter en conta que o que se bebe non son variedades –un mencía, un albariño ou un treixadura–, senón un sabor marcado polas condicións e polo entorno das cepas de uva. Como explica o investigador da Estación de Viticultura e Enoloxía da Galiza (Evega) Alfonso Losada, “hai xente á que lle gusta o viño da Ribeira Sacra e leva cepas de mencía para plantar fóra. O que vai conseguir é un mencía, pero non un Ribeira Sacra […], pois non se pode levar o terreo, o clima, o sol...”. Desta maneira, un viño da Denominación de Orixe Ribeira Sacra só pode darse nos escarpados terreos que abeiran as concas dos ríos Sil e Miño.

Para catar en condicións, este ano amplíase o horario de feche, que pasará das 12 á unha da mañá na sexta feira e no sábado, permitindo participar da multiplicidade de actividades ofrecidas (talleres de cata, viño-rutas en quad e zodiac e masterclass impartidas por enólogos). Mais, quen se achegue tamén desfrutará de música en vivo co grupo Gin Toni's e Malenne, nas noites da sexta feira e do sábado, respectivamente, ás 23 horas.

Máis en CULTURA
Comentarios