Pontón propón un concerto económico para dar a Galiza “a chave dos cartos fronte a un modelo co que perdeu 14.000 millóns”

“Hai que acabar con esta discriminación que empeora a vida dos galegos e das galegas”, alega Ana Pontónnun acto homenaxe a Castelao en véspera do 28-X

Foto 1 - BNG Panteón Galegos Ilustres
photo_camera Ana Pontón e representa tes do BNG en San Domingos de Bonaval (Foto: Nós Diario)

Sen autonomía financeira a autonomía política é papel mollado. Con esta premisa o BNG presentou a súa proposta de financiamento para Galiza aproveitando un acto de homenaxe a Castelao, impulsor do Estatuto de 1936, en véspera da data da súa aprobación en referendo,  un estatuto que situaba a Galiza como nación.

Nunha declaración institucional, a portavoz nacional, Ana Pontón, defendeu un modelo de financiamento “propio, singular e adaptado á realidade do país, que lle permita a Galiza ter a chave dos seus cartos”, sintetizou, fronte a un sistema apoiado polo PP que lle deixa un déficit de 14.000 millóns de euros a este país. “Hai que acabar con esta discriminación porque empeora a vida dos galegos e das galegas”, argumentou Pontón.

A alternativa do BNG é un concerto económico para a Galiza, similar ao que desfruta Euskadi ou Nafarroa, unha proposta que parte da confianza no país fronte “á falacia de que Galiza é pobre e depende” de recursos alleos: “Non é Galiza quen vive do Estado é o Estado quen fai caixa con Galiza”, recalcou.

O modelo de financiamento que propón o BNG aposta pola suficiencia financeira, pola recadación e xestión do 100% dos recursos e por unha facenda propia con capacidade fiscal plena para aplicar unha política impositiva distributiva.

E, como mecanismo de negociación, a bilateralidade Galiza-Estado após “o fiasco do café para todos dunha multilateralidade que deu como resultado un sistema que lle fai perder a Galiza 1.075 millóns de euros anuais”, segundo o cálculo do Consello de Contas.

“De ningunha maneira imos permitir que se volva impór un sistema lesivo como o que levamos 15 anos soportando e como nación histórica recoñecida no actual marco constitucional temos dereito a reclamar un sistema de financiamento propio, singular, porque se alguén necesita mellorar o seu status financeiro é Galiza”, sintetizou Pontón, quen explicou na súa intervención os “principios” do modelo de financiamento que formula o BNG.

“O primeiro é ambición e confianza no país fronte ao discurso falso das forzas do centralismo da Galiza pobre e dependente do Estado, como se os galegos e as galegas non pagásemos impostos. Rexeitamos de plano esta falacia que só debilita a nosa posición ante o Estado no debate dun novo modelo de financiamento”.

O sistema que propón o BNG ten tamén como principio a suficiencia financeira “para que Galiza gane”, recalcou a portavoz nacional,  tendo en conta que están en xogo os recursos para afrontar cuestións de tanta relevancia como sufragar os servizos públicos, a ciencia e investigación, fortalecer o estado do benestar ou dar futuro ás novas xeracións.

E a terceira clave da proposta do BNG pasa por dar a Galiza a recadación e xestión do 100% dos seus recursos, para decidir desde aquí as prioridades de investimento e de gasto, axustando despois contas co Estado, así como unha facenda propia con capacidade fiscal plena para aplicar unha política de impostos xusta, lonxe dos agasallos fiscais aos máis ricos que promove o goberno do PP, mentres recorta en servizos públicos básicos.

“Igual que fixeron Castelao e Bóveda, defendemos unha Galiza que avance na súa capacidade de decisión tamén no financeiro, porque temos claro que sen autonomía financeira non hai autonomía política”, explicou Pontón, “e esta defensa é máis importante que nunca,  diante dun goberno do PP e dun presidente da Xunta que actúa como verdadeiro apóstolo de centralismo, instalado nun discurso acomplexado e falaz dun País pobre e dependente”, criticou.

Comentarios