O PSOE de Ourense propón a súa líder, Natalia González, como candidata nunha moción de censura contra Xácome

A Executiva municipal do PSOE sinala que "é un partido de Goberno" e, como tal, afirma que están "dispostos a asumir a responsabilidade".
EuropaPress_5114281_portavoz_psoe_ourense_natalia_gonzalez_candidato_alcaldia_francisco
photo_camera A portavoz do PSOE de Ourense, Natalia González, e o candidato á Alcaldía nas eleccións de 2023, Francisco Rodríguez, en rolda de prensa nunha imaxe de arquivo (Foto: Europa Press)

A Comisión executiva da agrupación local do PSOE en Ourense acordou esta cuarta feira, nunha reunión extraordinaria, a candidatura da líder e portavoz municipal, Natalia González, á Alcaldía ante unha eventual moción de censura contra Gonzalo Pérez Xácome.

A secretaría xeral da agrupación foi a única proposta do grupo municipal elevada á dirección local para esta moción de censura que negocian os socialistas co PP e co BNG. Para que prospere, son necesarias 14 sinaturas e, por agora, González conta co voto favorábel dos nacionalistas.

A Executiva municipal do PSOE sinala que "é un partido de Goberno" e, como tal, afirma que están "dispostos a asumir a responsabilidade". Neste sentido, instan "o compromiso" das tres formacións políticas para sacar adiante a cidade e "a consolidación dun novo Executivo", afirmando que "con independencia" de quen forme parte del ou non, "todos serán igual de importantes".

"Coa máxima lealdade e xenerosidade por parte de todos e todas xa que a base fundamental ten que ser o pacto por Ourense", din nun comunicado no que asumen que os compromisos recollidos e actualizados do 'Pacto da Concordia' contan co apoio dos tres grupos municipais "e serán incorporados ao documento definitivo de moción de censura", que os socialistas dan por feito que "asinarán os catorce edís".

Deste modo, o PSOE agradece o respaldo e a confianza do BNG á candidatura de González. Pero os nacionalistas non só dan  apoio ao PSOE, senón que é o condicionante que pon para asinar a moción, porque rexeitan de plano que o próximo rexedor sexa do PP.

"Estamos chamados a ser exemplo de que a política é un instrumento útil para cambiar a vida da xente e que a cultura do diálogo e o consenso, polo interese público, é o camiño para poder volver confiar nun futuro mellor para a terceira cidade da Galiza", traslada Natalia González.

Comentarios