Nova fase nas negociacións para unha moción de censura en Ourense, con outra reunión convocada hoxe

No último encontro o BNG abriuse a apoiar a moción contra Xácome se o candidato ou candidata á Alcaldía era socialista.
O concelleiro do BNG en Barbadás, Serafín López, saúda a concelleira e portavoz do PSOE no concello de Ourense, Natalia González, a concelleira do PP en Ourense, Sonia Ogando, e a concelleira do PP en Ourense, Noelia Pérez. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
photo_camera O concelleiro do BNG en Barbadás, Serafín Núñez, saúda a concelleira e portavoz do PSOE no concello de Ourense, Natalia González, a concelleira do PP en Ourense, Sonia Ogando, e a concelleira do PP en Ourense, Noelia Pérez. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

A oferta lanzada polo PSOE ao resto de grupos da oposición no Concello de Ourense, PP e BNG, para negociar unha moción de censura que aparte da Alcaldía Gonzalo Pérez Xácome (Democracia Ourensá), chega esta quinta feira a unha nova fase coa segunda reunión pola tarde das tres forzas políticas, tras a primeira decorrida hai unha semana.

Naquela ocasión a cita estaba marcada pola incógnita de se as nacionalistas acudirían á convocatoria socialista para falar do denominado 'Pacto da Concordia', un escrito elaborado polo PSOE con catorce puntos para articular "unha alternativa real de goberno estábel" na capital provincial. As nacionalistas acudiron á cita e anticiparon, ademais, que estarían dispostas a facilitar a moción de censura estampando a décimo cuarta firma, a que faría posíbel o cambio na Alcaldía, a condición de que o candidato sexa do Partido Socialista.

"Non temos problema en votar o PSOE, o seu candidato, porque xa o fixemos hai un ano", rememorou o edil do Bloque Xosé Puga, en referencia ao día da investidura en xuño de 2023, á saída dunha reunión na que subliñou que "no que respecta ao BNG, nin Xácome nin o Partido Popular".

As populares reaccionaron acusando as nacionalistas de "frívolas", reprocharon que "non falaron de compromisos" e lamentaron que puxesen "liñas vermellas" ao Partido Popular. Estas declaracións coincidiron coas vertidas polo presidente do Partido Popular da Galiza, Alfonso Rueda, que se mostrou escéptico ante a posibilidade de que prospere a moción de censura, criticando que "vai moito máis de postureo de PSOE e BNG que outra cousa".

Sen pronunciarse expresamente sobre a posibilidade de permitir que un socialista tomase o bastón de mando municipal, reprobou que o Bloque Nacionalista Galego poña como condición que a Alcaldía non sexa para o PP, rexeitando "a liña vermella do partido menos votado" nas últimas municipais na cidade das Burgas.

Acordo no Carballiño

Por outra parte, o acordo alcanzado entre socialistas e populares no Carballiño para gobernar en coalición —coa cesión da Alcaldía aos populares o último ano— e a súa desautorización por parte do PSdeG engadiu un novo elemento. Tamén o líder provincial do PP ourensán, Luís Menor, quixo sumarse publicamente á petición de que o grupo municipal do PSOE ourensán aclare se ten aval das direccións provincial, galega e estatal para promover e negociar unha moción de censura ou se trata de "postureo".

Entre outros puntos de desacordo plasmados no último encontro, está que para o BNG é importante ter un candidato claro, mentres que para o PP "antes hai que ver o que se vai facer nesta cidade", porque "quen se poña de candidato, se non hai un acordo programático anterior, está vendido", segundo expuxo a edil popular Noelia Pérez.

Comentarios