Ana Miranda recolleu a súa acta como eurodeputada “en defensa da Galiza e das causas xustas da humanidade”

Millán Mon e González Casares comprométense a “defender os intereses das galegas e dos galegos”

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, esta segunda feira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, esta segunda feira. (Foto: Nós Diario)

A eurodeputada BNG, Ana Miranda, recolleu esta segunda feira a súa acta como eurodeputada electa nas eleccións europeas do pasado 9 de xuño. “Desde a Eurocámara defenderei os intereses da Galiza e as causas xustas da humanidade”, subliñou a eurodeputada galega, quen destacou que na vindeira lexislatura farao “con máis forza se cabe, grazas ao grande apoio que recibimos das 180.000 persoas que nos votaron”.

Ana Miranda afirmou que desde o escano do BNG no Parlamento Europeo “defenderá os sectores produtivos, tanto o sector pesqueiro e agrogandeiro” fronte a quen defende, dixo, os lobbies enerxéticos “que pretenden espoliar a nosa terra”. “Nós seguiremos dicindo Altri non, non coma outros, non como o PP que impulsa un modelo depredador do noso territorio nin como o PSOE, que un día di unha cousa e o seguinte a contraria”, manifestou a eurodeputada nacionalista, quen fixo referencia ás máis das 30.000 persoas que o domingo en Compostela “dixeron Altri Non”.

Ademais deste proxecto que o PP quere instalar en Palas de Rei (A Ulloa) tamén fixo referencia á AP-9, “outro exemplo da incoherencia doutras forzas políticas e da coherencia do noso traballo continuo e sen descanso na defensa dos intereses das galegas e dos galegos”. Neste sentido, Miranda destacou que o escano do BNG en Bruxelas “seguirá sendo o escano que defende os intereses da Galiza, libre, sen intermediarios, xa que ao único que lle temos que dar contas é ao pobo galego”.

A eurodeputada galega salientou que o BNG é “a forza coherente, que defende o mesmo en Galiza, en Madrid ou en Bruxelas, porque só nos debemos ao pobo galego”. “Nós temos unha forma diferente de facer política. Fronte aos que só se preocupan de enlamar a política, das liortas madrileñas e as manipulacións, nós comezamos xa a traballar nesta nova lexislatura con honradez, dignidade e polo noso pobo que nos elixiu”, destacou.

Miranda agradeceu ás persoas integrantes das diferentes delegacións que viaxaron a Bruxelas para trasladar os diferentes problemas que sofre a sociedade galega —representantes de diferentes causas como a loita contra Altri, os afectados polas preferentes, polo despoboamento ou pola contaminación mariña, entre outras—, e avanzou que o escano do BNG seguirá sendo “a voz galega en Europa e seguirá dando voz aos colectivos que se senten desprotexidos e precisan apoio nas súas demandas”.

Millán Mon e González Casares

Tamén os eurodeputados galegos do Partido Popular e do Partido Socialista recolleron esta segunda feira as súas credenciais no Congreso dos Deputados, con discursos nos que se comprometeron a defender os intereses da Galiza.

Así, tal e como el mesmo sinalou nunha mensaxe publicada no seu perfil da rede social 'X', Millán Mon comprometeuse a "seguir defendendo" como "leva facendo todos estes anos", os intereses das galegas e os galegos no Parlamento europeo.

Pola súa banda, o eurodeputado do PSdeG Nicolás González Casares asegurou que usará o seu "escano galego" para "estar cinco anos máis defendendo" a Galiza nas institucións europeas.

O socialista comprometeuse a que o asento do PSdeG en Bruxelas sirva para defender a Galiza, a súa lingua, os seus sectores produtivos e a transición ecolóxica e enerxética que "tantas oportunidades ten", así como unha pesca que sexa "socialmente sostíbel e medioambientalmente tamén". "Iso é o que queremos todos os socialista galegos: ter influencia en Bruxelas, pero tamén facer Europa de forma positiva para a Galiza", engadiu.

 

Comentarios