Eleccións Europeas 9-X

De Camilo Nogueira a Ana Miranda: o BNG consegue "escano propio" no Parlamento Europeo desde o comezo da lexislatura

O BNG logrou o mellor resultado nunhas eleccións ao Parlamento Europeo desde 1999, tras obter o apoio de case 180.000 galegos e galegas, "os verdadeiros protagonistas deste logro", subliñou a líder da formación, Ana Pontón.
Camilo Nogueira, Ana Miranda e Ana Pontón (Foto: Arxina).
photo_camera Camilo Nogueira, Ana Miranda e Ana Pontón (Foto: Arxina).

O BNG logrou o mellor resultado nunhas eleccións ao Parlamento Europeo desde 1999, tras obter o apoio de case 180.000 galegos e galegas, "os verdadeiros protagonistas deste logro", subliñou a líder da formación, Ana Pontón, que agradeceu ese apoio en nome de toda a organización anunciando o compromiso de traballar sen escatimar esforzos a través do "escano propio" de Ana Miranda.

En 1999, Camilo Nogueira foi elixido como deputado do BNG no Parlamento Europeo (1999-2004), alí realizaba as súas intervencións en galego reintegrado ou galego-portugués como membro do Grupo dos Verdes - Alianza Libre Europea. Esta foi unha das razóns para que en abril de 2005 fose nomeado membro de honra da Associaçom Galega da Língua (AGAL).

A mala sorte ou un puño de votos fixeron que en 2004 Nogueira ficase fóra da Eurocámara. Nas eleccións ao Parlamento Europeo de 2004 concorreu como terceiro na coalición Galeusca - Pobos de Europa, por tras dos candidatos de Convergència i Unió e Partido Nacionalista Vasco, xa que a redución do número de eurodeputados e eurodeputadas correspondentes ao Estado español incidiu negativamente nas probabilidades de obter representación.

De entrada, adxudicóuselle a acta a Nogueira, mais despois de que o PP recorrera, a Xunta Electoral Central deu por válidos algúns votos non considerados inicialmente, polo que, por unha marxe de 167 votos, concedeu o escano a esta formación (facía o número 24). Posteriormente, o Tribunal Constitucional confirmou a decisión da Xunta Electoral Central.

Ana Miranda e Camilo Nogueira

Ana Miranda chegou ao Parlamento Europeo da man do propio Camilo Nogueira. Desta maneira, na lexislatura europea 1999-2004 na que o BNG obtivo por primeira vez na historia un escano no Parlamento Europeo, foi asistente parlamentaria do eurodeputado Camilo Nogueira, exercendo a función de responsábel técnica da oficina parlamentaria.

Na lexislatura europea 2004-2009 representou o BNG na coalición Galeusca en Bruxelas, exercendo de asistente parlamentaria do deputado vasco Josu Ortuondo. Ademais, desde o ano 2007 e até a actualidade é unha das vicepresidentas do grupo político Alianza Libre Europea (ALE), no que está integrada a formación nacionalista galega.

Candidata cabeza de lista polo BNG e segunda na lista Europa dos Pobos - Verdes nas eleccións ao Parlamento Europeo do ano 2009, representou á formación nacionalista no marco desa coalición na oficina do eurodeputado Oriol Junqueras (ERC). Logo da renuncia de Junqueras o 21 de decembro de 2011, feita en base ao acordo de coalición, Ana Miranda foi deputada do BNG no Parlamento Europeo desde o 1 de xaneiro de 2012 até o 9 de xullo de 2013.

Así mesmo, volveu ser eurodeputada entre os anos 2018 e 2019 ocupando o escano rotatorio no seo da coalición Os Pobos Deciden nas eleccións ao Parlamento Europeo do ano 2014. Posteriormente, nas eleccións europeas de 2019, o BNG concorreu na coalición Agora Repúblicas xunto a Esquerra Republicana de Catalunya e EH Bildu, con Ana Miranda no quinto posto da lista.

O BNG duplicou os votos que tivera na Galiza nas eleccións anteriores e a coalición conseguiu tres escanos. Dous deles foron ocupados por ERC en tanto que o outro foi ocupado de modo rotatorio por EH Bildu (tres anos) e o BNG (dous anos). Así, Ana Miranda ocupou o escano no Parlamento Europeo o 5 de setembro de 2022 e até as presentes eleccións.

A formula da coalición Agora Repúblicas repetiuse nas eleccións deste domingo. Os bos resultados do BNG nos últimos procesos electorais permitiron Ana Miranda ocupar a terceira posición nunha lista que resultou ser a cuarta máis votada a nivel estatal e que conservou os tres escanos conseguidos en 2019. Deste modo, o BNG volverá ocupar un asento no Parlamento Europeo desde o inicio da lexislatura, algo que non acontecía desde que Camilo Nogueira entrara na Eurocámara en 1999.

Comentarios