O PP pedirá o cesamento de Laxe Tuñas no pleno da Coruña: "Mentiu reiteradamente ao negar realizar obras no seu inmóbel"

O grupo municipal do Partido Popular na Coruña levará ao pleno do próximo 4 de xullo a petición do cesamento do portavoz do Goberno local, José Manuel Laxe Tuñas, por "mentir reiteradamente ao negar en varias ocasións realizar obras" nun inmóbel da súa propiedade situado na cidade herculina.
O portavoz do PP na Coruña, Miguel Lorenzo, esta terza feira (Foto: Nós Diario).
photo_camera O portavoz do PP na Coruña, Miguel Lorenzo, esta terza feira (Foto: Nós Diario).

O grupo municipal do Partido Popular na Coruña levará ao pleno do próximo 4 de xullo a petición do cesamento do portavoz do Goberno local, José Manuel Laxe Tuñas, por "mentir reiteradamente" na súa comparecencia o pasado 11 de abril "ao negar en varias ocasións realizar obras" nun inmóbel da súa propiedade situado na cidade herculina.

Así o fai o PP fronte ás explicacións dadas previamente na sesión plenaria por Laxe Tuñas, quen alegou que en todo se actuou conforme a legalidade. "Quen se atreve a mentir en público a todos os coruñeses non ten credibilidade para ser o portavoz dun Goberno", recalcou o voceiro do grupo popular na cidade herculina, Miguel Lorenzo, esta terza feira nunha rolda de prensa convocada para informar sobre asuntos de actualidade.

Un paso máis

Trátase dun paso máis neste asunto, xa que o PP xa pedira a dimisión de Laxe Tuñas o pasado 11 de abril, momento no que o BNG tamén urxiu que se depurasen responsabilidades ao entender que "non foron desmentidas" as "irregularidades" que, segundo ambas as formacións, houbo en relación ás obras nun piso da propiedade do portavoz do Goberno coruñés e na concesión da licenza.

Así o argumentaron nunha sesión plenaria na que compareceu o edil, o pasado 12 de abril, na que este asegurou que "cumpriu estritamente a lei" e negou que se fixesen obras sen ter a correspondente licenza, unha acusación que reiteraron naquela altura os representantes municipais da oposición.

Fixérono despois de que a alcaldesa, Inés Rei, asegurase que "non hai tema". Ao respecto, o portavoz municipal do PP manifestou que "o caso empezou". "O tema non é se unha licenza é ou non ilegal, as irregularidades están no expediente", aseverou.

"A gravidade é que mentiu no pleno, en tres intervencións dixo que as obras non se fixeron e no expediente hai documentos que acreditan o contrario", recalcou. "Se tivese honorabilidade debería dimitir", apuntou Lorenzo, para quen a alcaldesa da Coruña debería xa "cesarlle nas súas competencias". "Espero que recapacite e tome decisións", engadiu.

Mentres, desde o BNG, o seu portavoz municipal, Francisco Jorquera, coincidía en que hai "unha serie de irregularidades que non foron desmentidas, constitutivas de infracción, algunhas graves". Ao seu xuízo, isto tentouse "ocultar con datos equívocos". "Estamos ante un asunto que require da asunción de responsabilidades políticas, a alcaldesa debe depurar responsabilidades", insistiu.

Comentarios