Como acabaron as columnas de Antealtares no Museo Fogg da Universidade de Harvard?

O BNG pide ao Goberno español que inicie os trámites para lograr a devolución á Galiza das columnas de Antealtares.

Goretti Sanmartín (segunda pola esquerda) e Néstor Rego (no centro), nunha foto de arquivo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Goretti Sanmartín (segunda pola esquerda) e Néstor Rego (no centro), en Compostela. (Foto: Nós Diario)

O BNG rexistrou iniciativas para que o Ministerio de Cultura e a Dirección Xeral de Patrimonio inicien as actuacións necesarias para que a Universidade de Harvard e o Museo Fogg devolvan as columnas do altar de Santiago do Mosteiro de San Paio de Antealtares, situado no casco vello da capital galega.

Nun comunicado, o Bloque lembra que xa reclamou a recuperación destas figuras en 2019 e urxiu acometer todas as actuacións necesarias para resarcir a sociedade galega do "espolio do seu patrimonio histórico artístico". Así mesmo, pide ao Goberno do Estado que devolva o resto de bens culturais agora depositados en distintas institucións e museos de Madrid.

O BNG explica que, a través dun estudo publicado por Francisco Prado-Vilar, fíxose pública que a decisión de desprenderse dunha das columnas non foi o resultado da negociación entre o Museo Fogg de Harvard e os distintos gobernos da República, senón que, tal e como revela a correspondencia entre o Ministerio de Belas Artes e o Subdirector do Museo, era unha decisión adoptada mesmo antes de que o coordinador da sección de Historia da arte do Seminario de Estudos Galegos, Xesús Carros, enviase as columnas con destino a Madrid pensando que a súa conservación no patrimonio público quedaba asegurada.

"Tratouse", conclúe a organización nacionalista, "dun espolio do patrimonio histórico galego, pois á vez que se dicía adquirir as pezas para protexelas, planificábase xa o seu envío a Harvard".

En opinión do deputado nacionalista Néstor Rego, o Executivo estatal debe terminar con este espolio e resarcir o pobo galego. "O Goberno do Estado, debe adoptar as medidas que permitan resarcir os espolios do pasado e facilitar que as coleccións dos museos estatais depositadas na súa maioría en Madrid sexan reintegradas aos seus lugares de orixe", reivindicou.

O caso concreto das Columnas de Mosteiro de San Paio de Antealtares, segundo indica Néstor Rego, debería iniciar os trámites que permitan a devolución de dúas estatuas conservadas en Madrid, no Museo Arqueolóxico, a súa localización orixinal en Santiago de Compostela.

Todo isto, á vez que se inician as xestións para lograr a restitución de columna intercambiada e regalada ao Museo Fogg de Harvard, para que finalmente as tres pezas poidan ser visitadas, estudadas e conservadas no lugar para o que foron creadas.

Comentarios