O Festival Literario de Allariz acolle este ano unha nova Feira de Editoras

Na Praza do Matadoiro as persoas asistentes ao festival poderán coñecer o traballo que fan diversas editoriais a través dunha feira aberta durante toda a xornada.
Berta Dávila. (Foto: Arxina)
photo_camera Berta Dávila. (Foto: Arxina)

O Festival Literario de Allariz (FLAZ), organizado polo Concello e Aira das Letras, engorda a súa oferta para a comunidade lectora -na súa terceira edición, que terá lugar os días 5 e 6 de xullo- coa Feira de Editoras Galegas o sábado 6.

Na Praza do Matadoiro as persoas asistentes ao festival poderán coñecer o traballo que fan diversas editoriais a través dunha feira aberta durante toda a xornada. Editoriais como Antela, Cuarto de Inverno, Patasdepeixe, Boadicea, Los Libros del Salvaje, Rinoceronte, Rodolfo e Priscila e Aira Editorial, estarán presentes este 6 de xullo na Feira de Editoras Galegas, aberta desde as 11 até as 21 horas.

O FLAZ, que procura pór en contacto o público con todos os elos da cadea do libro, conta este ano coa participación das autoras e autores Marta Orriols, Berta Dávila, Antón Riveiro Coello e Carlos Meixide, e de axentes literarios como Marina Penalva e Bernat Fiol. Allariz converterase nun punto de referencia para as persoas amantes do libro e da lectura; para elas, tamén, a posibilidade de facer un roteiro pola zona histórica da vila xunto coas figuras convidadas ao festival.

Memoria e historia na novela, un diálogo entre Antón Riveiro Coello e Carlos Meixide, será o primeiro encontro, na tarde do 5 de xullo na Sala de Exposicións A Fábrica. Antón Riveiro Coello (Xinzo de Limia, 1964) é un dos autores de máis prestixio da narrativa galega actual, con obra traducida a varias linguas. 

Todo o que quixo saber sobre os axentes literarios e nunca se atreveu a preguntar é o título do diálogo entre Marina Penalva e Bernat Fiol, que terá lugar o sábado 6 ás 12 horas no mesmo espazo.

Na tarde do sábado, encontro entre dúas autoras: Marta Orriols e Berta Dávila baixo o título  A vida cotiá como materia prima na literatura actual

Finalmente, a mesa de diálogo Escribir e publicar non son a mesma cousa, pon o ramo á programación do FLAZ, o sábado ás 19.30 coa participación de todas as figuras convidadas: Antón Riveiro Coello, Carlos Meixide, Marina Penalva, Bernat Fiol, Marta Orriols e Berta Dávila. 

Comentarios