Esta quinta feira, 3 de xullo, fixéronse tres anos do asasinato de Samuel Luiz na avenida de Bos Aires da Coruña. Para lembrar este mozo e pedir xustiza polo seu asasinato, a asociación LGBTI+ ALAS A Coruña organizou unha vixilia á beira da discoteca Playa Club, ao pé da praia de Riazor.
A organización en defensa dos dereitos LGBTI+ convocou todos os coruñeses e coruñesas a sumarse ao minuto de silencio e a realizar unha ofrenda floral no lugar no que sucederon os feitos que desenvocaron no asasinato de Samuel.
"Agora que estamos a piques de iniciar o xuízo por este crime, vemos máis necesario que nunca lembrar que máis aló do sensacionalismo e as cámaras hai unha familia e unhas amizades que nunca poderán recuperar a un ser querido”, sinalou a presidenta de Alas, Ana G. Fernández.
Fernández tamén recalcou que "ante os discursos de odio, normalizando actitudes hostís ou mesmo abertamente violentas, nós estaremos sempre vixiantes, para facer da nosa sociedade unha que sexa plenamente igualitaria”.
Á espera do xuízo
O inicio do xuízo polo asasinato de Samuel Luiz será o 16 de outubro e está previsto que se prolongue até o 18 de novembro na Audiencia Provincial da Coruña.
Samuel Luiz, de 24 anos de idade, faleceu durante a madrugada do 3 de xullo de 2021 após ser agredido brutalmente por varias persoas no paseo marítimo da Coruña.