Ourense

Moción de censura contra Xácome: o BNG, disposto a apoiala se o candidato á Alcaldía é socialista

O PP acusa o Bloque de continuar cunhas "liñas vermellas", que pide "deixar en casa", e o PSdeG valora a cita desta quinta feira entre as tres formacións como "produtiva".

O concelleiro do BNG en Barbadás, Serafín López, saúda a concelleira e portavoz do PSOE no concello de Ourense, Natalia González, a concelleira do PP en Ourense, Sonia Ogando, e a concelleira do PP en Ourense, Noelia Pérez. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
photo_camera O concelleiro do BNG en Barbadás, Sarín Núñez, saúda a concelleira e portavoz do PSOE no concello de Ourense, Natalia González, a concelleira do PP en Ourense, Sonia Ogando, e a concelleira do PP en Ourense, Noelia Pérez. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

O BNG abriuse esta quinta feira, despois da proposta impulsada polos socialistas, a facilitar unha moción de censura para apartar da Alcaldía de Ourense a Gonzalo Pérez Xácome (Democracia Ourensana), pero puxo unha condición: só o fará se a Alcaldía recae no PSOE. Pola súa parte, os populares afearon as "liñas vermellas" e advertiron de que, para avanzar, estas deben "deixarse na casa".

O PSOE convocara o Partido Popular e mais o Bloque para abordar o chamado 'Pacto da Concordia', unha proposta enviada ao resto de grupos para tratar de "garantir un goberno estábel" na cidade das Burgas. A pesar das diferenzas, os tres partidos sentaron a negociar esa posíbel moción de censura. Após unha longa reunión, emprazáronse a falar a próxima semana.

Aínda que mantiveran a incógnita, as nacionalistas acudiron finalmente ao Liceo, lugar acordado para a cita, un paso necesario para que sentase a falar o PP, que, pola súa parte, si anticipara que estaría presente na convocatoria, aínda que coa condición de que só se falaría se estivesen as tres forzas políticas.

E acudiron representantes das tres. No caso do BNG os elixidos foron o edil Xosé Manuel Puga e o coordinador comarcal, Sarín Núñez, coa ausencia do portavoz municipal, Luís Seara, a diferenza do resto de grupos, que si enviaron ao encontro os seus portavoces municipais. No caso do PSOE asistiu Natalia González, a impulsora do pacto, acompañada da edila María Fernández; polo Partido Popular, a portavoz Sonia Ogando e a coordinadora municipal, Noelia Pérez.

O BNG, aberto a negociar

Após case tres horas reunidas as representantes trasladaron ante os medios de comunicación as súas diferentes sensacións. Para as socialistas foi unha reunión "moi produtiva"; para as populares "non empezou do mellor modo", e para as nacionalistas foi "bo" sentar a dialogar. "Queremos quitar a Xácome e o único modo de facelo é a través dunha moción de censura", trasladou o nacionalista Puga, que mostrou a disposición da súa formación a asinar o acordo coa condición de que o alcalde ou a alcaldesa sexa socialista.

"Nós o que trasladamos é a nosa dispoñibilidade para que, se eses sete concelleiros do PP e os seis concelleiros do PSOE queren facer unha moción de censura, o BNG estamparía a sinatura número 14 que facilitaría o cambio na Alcaldía", sostivo, antes de puntualizar que, dese modo, "en dez ou doce días o alcalde podería ser cesado". No entanto, engadiu que, "no que respecta ao BNG, nin Xácome nin o Partido Popular". Por iso, exixen que o candidato á Alcaldía "sexa do PSOE". "Xa votamos hai un ano ao seu candidato", rememorou Puga.

O PP afea as "liñas vermellas"

A súa visión da reunión bate coa do Partido Popular, que celebrou a boa sintonía coas socialistas pero afeou as "liñas vermellas" dos nacionalistas. "Atopámonos un Bloque Nacionalista Galego frívolo e máis radical que nunca", criticou a coordinadora do PP ourensán, Noelia Pérez, reprochando que "non falaron de compromisos" e que "nin sequera colleron o documento para ler a primeira liña" dos acordos propostos polo PSOE. "Viñeron por non dicir que non viñan e a pór liñas vermellas ao PP", acusou.

Neste senso, recriminou que "o Bloque está cómodo na oposición" e que "en ningún momento falou do que se pode facer pola cidade, senón das cadeiras". "Falou dos seus votos, de regalar os seus votos, pero quedar no mesmo sitio. Non teñen moi claro o que queren facer", transmitiu Pérez, apostilando que "o único que teñen claro é que queren seguir de perfil".

"Dixéronnos que o único punto coincidente co PP é que Xácome non pode seguir como alcalde, e sorpréndenos, cando poden ser coincidentes con Bildu ou con partidos independentistas de Catalunya", continuou a coordinadora popular, antes de indicar que para a súa formación antes de porse a falar de candidatos á Alcaldía "hai que falar dos puntos importantes".

"Hai que ter antes un acordo do que se vai a facer nesta cidade porque quen se poña de candidato, se non hai un acordo programático antes, está vendido. Se calquera de vós pretende casar antes terá que saber se a persoa elixida é a idónea, se tedes puntos en común ou non", exemplificou a popular.

Cita "produtiva"

As últimas en dar a súa visión foron as socialistas, cualificando a cita de "produtiva" e agradecendo a presenza de populares e nacionalistas. "Imos mellorar e ampliar o pacto, para que máis aló dunha declaración de intencións sexa unha realidade cando haxa ese futuro goberno", esgrimiu Natalia González, anunciando que se abre agora un proceso de negociación entre as tres forzas políticas, nas que percibe "vontade".

Neste sentido, manifestou que "o que importa é Ourense" e, por iso, "hai que superar filias e fobias", porque "hai unha oportunidade histórica de mostrarlle á cidadanía que a política serve para algo máis alá de facer oposición e criticar o que non se fai".

González pediu "altura de miras" e "xenerosidade" deixando de lado as liñas vermellas coa percepción de "optimismo para seguir traballando, porque o realmente importante é o futuro da cidade". Así as cousas, concluíu a cita cun emprazamento para unha nova reunión a próxima semana, para seguir avanzando nos acordos cos que poder "garantir a gobernabilidade da cidade" nos tres próximos anos.

Comentarios