O PSdeG propón negociar unha moción de censura a PP e BNG para sacar a Xácome da Alcaldía dun Ourense "en bancarrota"

"Temos a oportunidade de demostrar que a política pode servir para cambiar as cousas", apuntou a voceira do PSdeG en Ourense, Natalia González.
O alcalde de Ourense e líder de DO, Gonzalo Pérez Xácome, na noite electoral do pasado 18 de febreiro. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
photo_camera O alcalde de Ourense e líder de DO, Gonzalo Pérez Xácome, na noite electoral do pasado 18 de febreiro. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

Un ano despois das eleccións municipais, que decorreron o 28 de maio de 2023, o grupo municipal do PSdeG en Ourense fixo un chamamento de "consenso" aos outros grupos da oposición -BNG e PP- co obxectivo de, mediante unha moción de censura, "dar un golpe de temón" e "cambiar o rumbo" da cidade e do Concello que, alertan, está "nunha auténtica bancarrota económica".

A formación aproveitou a data desta terza feira para facer balance deste primeiro ano de mandato, uns 12 meses nos que "o Ourense ideal de Gonzalo Pérez Jácome converteuse nun pesadelo para a cidade", segundo a voceira do grupo, Natalia González, quen lembrou os múltiples recortes en diferentes sectores e áreas. "Foi o ano do desmantelamento dos servizos sociais e da igualdade", esgrimiu.

Nesta liña, subliñou que as concesións municipais "seguen na máis absoluta precarización" e puxo o foco no partido de Goberno, Democracia Ourensá (DO), apuntando que o Concello "se converteu tamén na oficina de colocación" da formación que lidera o rexedor, Gonzalo Pérez Jácome.

"Non só de asesores, senón tamén de altos cargos", engadiu, antes de lembrar que o consistorio segue "sen orzamentos, sen Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) e sen Relación de Postos de Traballo (RPT)". Por todo iso, o PSdeG pediu "fomentar a cultura do consenso" e pór "Ourense por diante porque non podemos perder o tempo en ecuacións e hai que dar unha solución á cidade".

Neste sentido, sen facer mención dunha posíbel moción de censura, recoñeceu que coas voceiras do Partido Popular e o Bloque Nacionalista Galego ten unha relación "normal", polo que valorou que "non é difícil chegar a un consenso" para "non perder tres anos outra vez con paripés".

Así, a voceira do PSdeG en Ourense, Natalia González, opinou que é o momento de "ser valentes" e pediu "un acto de xenerosidade" para que "gañe Ourense", sen pór liñas vermellas, aínda que matizando que "o PP ten que ir máis aló e se quere consenso debe abandonar o pacto", en referencia ao acordo con DO, para gobernar respectivamente a Deputación e o Concello.

"Somos todos maiores para entender a mensaxe", dixo a voceira, antes de garantir que a formación local ten autonomía de Santiago de Compostela para "manifestar o que manifesta" e pedir ao Partido Popular e ao BNG "que adopten unha posición", porque "temos a oportunidade de demostrar que a política pode servir para cambiar as cousas".

O BNG: "Non temos ningunha proposta en firme"

Desde o BNG, o seu portavoz municipal, Luís Seara, sinalou a Nós Diario que "non temos ningunha proposta en firme" e que se enteraron da iniciativa "pola prensa". 

Seara considera que o PSdeG "ten que convencer o PP, que é o que fixo alcalde a Xácome" para que rache ese acordo. De dar os populares ese paso, recoñece, "entramos noutro escenario e xa valoraremos" os pasos a dar entón.

Comentarios